O Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades trasládalle ao Consello de Ministros a aprobación do real decreto que reforma o RD 640/2021 de creación, recoñecemento e autorización de universidades e centros universitarios, e acreditación institucional de centros universitarios sen que a comunidade universitaria teña coñecemento do texto final, malia que se lle reclamou por diversas vías desde o pasado mes de xullo. Esta proposta de modificación é moi importante, xa que, en teoría, se pretende endurecer os requisitos para a creación de novas universidades privadas.
En CCOO rexeitamos tanto o procedemento seguido polo Ministerio para a aprobación dun real decreto que debería definir o modelo do sistema universitario como a falta de transparencia para coñecer o seu contido final.
O Real decreto 640/2021 supuxo un intento falido, polo carácter mínimo dos requisitos esixidos, de regular a posta en marcha de novas universidades privadas. A súa aplicación non impediu que, nos catro anos transcorridos desde a súa entrada en vigor, se pasara de 39 a 46 universidades privadas ofertando prazas no curso 2025/2026, ás que habería que engadir outras catro que foron informadas o pasado 9 de setembro pola Conferencia Xeral de Política Universitaria. Un total, ata o de agora, de dez novas universidades privadas baixo o paraugas dunha norma que en principio viña a «xestionar, ordenar e planificar con maior capacidade as iniciativas en aumento de creación de universidades ou de centros universitarios» baixo o principio da calidade.
A modificación deste real decreto formulábase para corrixir estas deficiencias e introducir un maior rigor na proliferación incontrolada que novas universidades privadas. En realidade, o único certo do novo texto, á espera de coñecer outros posibles cambios, é que, tal e como nos confirman desde o propio ministerio, caeron polo menos dúas cuestións esenciais:
- En primeiro lugar, non se poderá pedir experiencia previa aos promotores dunha nova universidade, polo que calquera persoa ou empresa poderá promover unha, aínda que a súa actividade profesional nada teña que ver co ámbito universitario.
- A outra modificación substancial é que o informe da Conferencia Xeral de Política Universitaria que recollía para a creación, adquisición e adscrición de centros por unha universidade privada nunha comunidade autónoma distinta daquela onde ten a súa sede social, xa non terá que ser favorable. É dicir, aínda que o informe sexa demoledor en contra do novo centro, as comunidades autónomas afectadas poderán autorizar o proceso se así o consideran. Isto é especialmente grave xa que esta é a fórmula que empeza a estenderse para a expansión das universidades privadas en funcionamento. E seguirá ocorrendo o que ata agora é norma: que todas as universidades con informe desfavorable da dita Conferencia ao final terminan sendo autorizadas polas comunidades autónomas.
Polo exposto, e ante a negativa do Ministerio a compartir a versión final deste texto legal, desde CCOO rexeitamos a falta de transparencia do contido final da norma e a falta de firmeza do ministerio en promover un marco legal que realmente defenda a calidade do sistema universitario. Moito tememos, á espera que coñecer polo BOE o seu contido exacto, que non sexan estas as únicas «cesións» nas formulacións iniciais da norma, que xa de seu resultaban insuficientes. Podemos estar ante un novo intento falido de racionalizar o mapa universitario, que non impedirá o aumento inxustificado das universidades privadas en detrimento do sistema público universitario.
CCOO reclamou desde o primeiro momento ao Goberno a necesidade dunha maior ambición na reforma do RD 640/2021, que debería garantir que calquera universidade en funcionamento ou que se poida crear nun futuro, especialmente no caso das universidades privadas, non se limite unicamente a difundir o coñecemento (como ocorre, no mellor dos casos, con boa parte das últimas universidades privadas autorizadas), senón que sexan realmente institucións creadoras, preservadoras, transmisoras e difusoras do coñecemento e a cultura, como o son as universidades públicas. Defendemos que é imprescindible que os criterios de necesidade, idoneidade e calidade primen na decisión final de creación dunha universidade por riba das consideracións políticas ou económicas, que dependen basicamente das maiorías parlamentarias e dos intereses de determinadas empresas ou persoas físicas ou xurídicas.
Para CCOO, esta modificación legal, para ser efectiva, debe harmonizar e aumentar a esixencia dos requisitos mínimos para poder falar de «universidade», así como fixar uns niveis básicos de calidade en todos os compoñentes do nosos sistema universitario, no que coexisten as universidades públicas, cunha boa calidade media, e as privadas, unha parte importante das cales teñen un baixo nivel académico, o que se reflicte nunha actividade de investigación residual, que prexudica claramente o conxunto do sistema universitario. E tememos que, baseándonos na información dispoñible, isto non está garantido coa nova norma. A universidade pública deféndese con feitos, non con declaracións de intencións.
A universidade pública de calidade é un ben de toda a sociedade e constitúe unha das principais formas de contribución ao progreso social. Non podemos deixar que a destrúan os que queren converter o dereito de todas e todos no negocio dunha minoría.
