Aberto o prazo de consulta pública sobre o Real decreto.
Tal como xa sinalamos, o pasado 8 de outubro a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo (TS) anulou, non tanto polo contido senón por falta de xustificación da súa tramitación urxente, o Real decreto 905/2025, de 7 de outubro, sobre universidades, ao estimar un recurso da Comunidade Autónoma das Illes Balears.
Como anunciou o Goberno,coa apertura do prazo de consulta pública iníciase de novo o proceso para a aprobación dun real decreto sobre a creación, recoñecemento e autorización de universidades e centros universitarios que substitúa o RD 905/2025, cumprindo todos os requirimentos formais na súa tramitación.
En que consiste a consulta pública
A consulta pública previa serve para que a cidadanía, empresas e organizacións poidan opinar e facer achegas antes de que se redacte o texto do real decreto.
O seu obxectivo principal é garantir a transparencia e a participación cidadá nas leis desde o primeiro momento. Serve especificamente para responder a catro preguntas clave:
- Que problemas se queren solucionar? (Identificar a necesidade real da nova norma).
- É necesario e oportuno aprobar este real decreto? (Valorar se é o momento adecuado e se a proposta está xustificada).
- Que obxectivos persegue a norma? (Definir con claridade que se quere conseguir).
- Existen alternativas mellores? (Avaliar se o problema se pode resolver doutra forma, xa sexa sen regular ou a través de leis autonómicas/locais).
En resumo, serve para que o Goberno escoite as propostas do sector afectado e da sociedade, evitando que se redacte un real decreto con erros de base, innecesario ou afastado da realidade social.
Prazo de presentación de contribucións
O período de participación pública queda aberto desde o día 15 de outubro ata o 30 de outubro de 2026, ambos incluídos. A lei non impón un número de días fixo e obrigatorio para solicitar a opinión inicial dos cidadáns e cidadás e organizacións antes de redactar un proxecto de real decreto, polo que cada ministerio adoita determinar o prazo na súa convocatoria (habitualmente entre 10 e 20 días naturais ou hábiles, segundo o caso). Unha vez redactado o borrador do real decreto, o prazo mínimo de audiencia é de 15 días hábiles, que pode reducirse excepcionalmente a 7 días hábiles en caso de urxencia motivada.
Como presentar as alegacións
As contribucións poderán facerse a través do seguinte formulario. Neste sentido, animamos o conxunto da comunidade universitaria a participar no proceso de consulta pública que se abre, ao tempo que as persoas interesadas poden facernos chegar as contribucións que coiden oportunas a través de nosa estrutura sindical.
A importancia de que se aprobe a norma
O RD 905/2025, que modificaba o RD 640/2021 de creación,recoñecemento e autorizaciónde universidadese centros universitarios, e acreditación institucional de centros universitarios, era claramente insuficiente. De feito, desde a súa aprobación non evitou a creación de dez novas universidades privadas en só catro anos.
Aínda que CCOO vén denunciando desde a súa entrada en vigor a insuficiencia dos criterios recollidos na norma e reclamou unha maior ambición e esixencia neles, resulta imprescindible que se aprobe unha norma que substitúa o RD 905/2025. De non ser así, a normativa de referencia sería o RD 640/2021, unha norma moi insuficiente e que conta co beneplácito das universidades privadas e as comunidades autónomas que se opuxeron ao RD 905/2025.
O Goberno anunciou que a nova norma manterá os criterios xa aprobados no RD 905/2025. Desde CCOO reclamámoslle ao Goberno coherencia cos motivos que alegan para xustificar a necesidade urxente da nova norma. Se é certo que a experiencia acumulada desde a entrada en vigor da dita norma puxo de manifesto a conveniencia de actualizar determinados requisitos e procedementos para adecualos á realidade actual do sistema universitario e ás transformacións que este experimentou nos últimos anos, a necesidade da intervención normativa é perentoria; de se manter o réxime actual, poderían seguir recoñecéndose e autorizándose proxectos universitarios que non acrediten suficientemente os requisitos académicos, docentes, investigadores e de sostibilidade institucional que deben caracterizar a unha universidade. Isto favorecería a consolidación de dinámicas que, unha vez asentadas, serían extraordinariamente difíciles de corrixir, co conseguinte risco para a calidade das ensinanzas universitarias, o desenvolvemento da actividade investigadora, a confianza de estudantes e empregadores e o prestixio nacional e internacional do sistema universitario español.
O RD 905/2025 non abonda. CCOO reclama maior rigor e esixencia nos criterios que se reflectían no RD 905/2025 e que a nova norma incorpore as cuestións expostas polo sindicato para impedir realmente a proliferación descontrolada de universidades privadas que dana a calidade do noso sistema e prexudica a igualdade de oportunidades. A nova norma debe contar con ferramentas reais e eficaces que impidan que a universidade sexa un ben de mercado máis. É o momento de tomar decisións coherentes cos discursos que se divulgan e adoptar medidas que defendan de verdade e con vistas ao futuro o modelo público de universidade.

