Hoxe, 31 de xullo, mantivemos unha nova reunión da Comisión Negociadora do Plan de Igualdade de persoal docente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional, na que dende CCOO fixéronse as últimas aportacións ao documento de diagnose, a partir do cal se iniciarán as negociacións das medidas concretas a adoptar.
Trátase dun documento amplo e moi exhaustivo que recopila multitude de datos sobre a situación de partida do persoal docente con respecto a igualdade entre sexos, en materias como ingreso, acceso, promoción, formación, conciliación da vida persoal e laboral, permisos e licenzas, salario, etc.
Nesta reunión tamén se comezou a traballar na elaboración do primeiro protocolo de acoso para persoal docente da Consellería de Educación, xa que o da Xunta de Galicia non é de aplicación a persoal docente, senón a persoal administrativo e laboral dos centros educativos. CCOO remitiu aportacións ás primeiras claúsulas do devandito protocolo, que constituirán o punto de partida para a elaboración do mesmo.
A negociación do Plan de Igualdade comezou xa hai máis dun ano, en xuño de 2024, aínda que queremos destacar que só colleu velocidade a partir do mes de abril, cando se incorporou ao traballo un equipo técnico formado por persoal docente da Universidade de Santiago de Compostela.

