No Día do Ensino celebramos a reapertura de negociacións co Ministerio

Desde CCOO Ensino celebramos neste Día do Ensino en Galicia que a presión sindical exercida onte, 30 de outubro, por CCOO, UGT e CSIF en todo o Estado obrigase ao Ministerio de Transformación Dixital e da Función Pública a reabrir as negociacións. As concentracións diante do Ministerio e das subdelegacións do Goberno en todas as provincias amosaron o malestar crecente das traballadoras e traballadores públicos ante a parálise das negociacións e o deterioro xeneralizado dos servizos públicos.

As organizacións sindicais reclamamos un acordo que garanta unha suba salarial para 2025, 2026 e 2027 que aumente o poder adquisitivo do colectivo, a creación e estabilización de emprego público e a mellora das condicións laborais dun colectivo de máis de 3,5 millóns de persoas. É urxente recuperar a dignidade do emprego público e frear o deterioro do Estado do Benestar.

Neste contexto, desde CCOO reafirmamos a nosa vontade e capacidade de unidade sindical, colaborando con organizacións de moi distinta orientación ideolóxica cando o que está en xogo son os dereitos das traballadoras e traballadores e a defensa dos servizos público. Con feitos, seguimos demostrando que a unidade serve para avanzar en salarios, emprego e calidade democrática.

Xa no ámbito educativo, desde CCOO incidimos neste Día do Ensino en que en Galicia xa existe unidade entre organizacións sindicais desde hai dous anos, e que a única forma de agrandar esa unidade sindical pasa porque todas e todos, a diario, nos centros, nas redes sociais, nas mesas de negociación e nas mensaxes entre organizacións sindicais, apliquemos os valores que transmitimos ao noso alumnado:

  • Respecto, educación, diálogo, altura de miras, autocrítica (si, tamén) e dar a cara cando se expresa unha opinión
  • Mais tamén autonomía, criterio propio, espírito crítico e denuncia da desinformación

Estas mobilizacións tiveron como obxectivo reactivar un diálogo real e efectivo co Ministerio, e o mesmo debe suceder coa Consellería de Educación, non serve de nada impoñer reivindicacións de máximos que logo se esvaezan sen resultados.