Ningún avance na negociación do Plan de igualdade do persoal docente non universitario

En CCOO estamos absolutamente desconcertados coa actitude e o enfoque que a Administración está a ter na negociación do plan de igualdade.

A cuarta reunión da comisión negociadora do plan de igualdade, celebrada este venres 28 de marzo, serviu soamente para constatar que a negociación se atopa nun punto morto.

Nada do aprobado en acta na anterior xuntanza se materializou. Nin se nos proporcionaron os datos solicitados para elaborarmos a situación de diagnóstico de partida —ían envialos a comezos de xaneiro— nin tampouco se celebrou ningunha nova reunión na maior brevidade posible, malia as múltiples solicitudes realizadas tanto por CCOO como polo resto das organizacións sindicais da mesa sectorial. De feito, a reunión de hoxe chega máis de catro meses despois da anterior, tempo perdido no que non se avanzou nada.

Resulta aínda máis inaceptable que esta convocatoria se limitara á presentación do equipo colaborador e ao ámbito e contidos do plan de igualdade.Parécenos case unha burla, xa que transcorreron nove meses dende a constitución da comisión negociadora e a aprobación do regulamento. Que agora se pretenda reabrir este debate é, simplemente, surrealista.

Grave é tamén que se afirme que non se achega documentación ningunha por canto o asunto que compón a orde do día versa sobre as cuestións preliminares nas que se asentará o desenvolvemento do propio plan e o do seu diagnóstico, cando xa quedara establecido na reunión do 28 de novembro cales eran os datos que a Consellería debería proporcionar para elaborar ese diagnóstico. Se tivésemos eses datos, poderiamos avanzar na reunión de hoxe mais, ao non telos, precisaremos un tempo —do que carecemos— para procesalos e analizalos.

Na xuntanza presentaron un equipo técnico asesor, con persoal docente da Universidade de Santiago de Compostela, con experiencia na elaboración do Plan de igualdade do persoal da Xunta de Galicia e que se encargará de realizar o informe de diagnóstico da situación inicial. Este equipo estableceu un calendario de actuacións e fixou un prazo de entre tres e catro semanas para entregar un borrador do informe tanto á Administración como aos sindicatos.

Máis alá disto, a realidade é que xa consumimos máis de tres cuartas partes do prazo legal dispoñible para a negociación e elaboración do plan e aínda estamos nas fases iniciais.

CCOO non vai permitir que a negociación remate cun planrealizado ás présas,nin tampouco lle aceptaremos sucesivas prórrogas a unha Administración que, dende o primeiro momento, demostrou non ter o máis mínimo interese en redactar un plan á altura das necesidades dos seus máis de 30000 traballadores e traballadoras.