O pasado 26 de marzo tivo lugar a primeira reunión do Consello Xeral de MUFACE en 2025, presidida pola secretaria de Estado de Función Pública, Clara Mapelli. Nela abordouse, entre outros puntos, a situación actual dos concertos para a asistencia sanitaria, tanto o nacional como o do exterior, para os anos 2025, 2026 e 2027.
Segundo a secretaria de Estado, a previsión é asinar o novo concerto a finais de abril con Adeslas e ASISA, e mais con Nova Mutua Sanitaria no exterior.
Datos de interese
- En xaneiro de 2025, 45 629 persoas mudáronse da asistencia privada á pública. Hai que lembrar que, como non había concerto, só se abriu a posibilidade de que os titulares de MUFACE solicitasen o cambio ao Servicio Nacional de Saúde. O cambio propiciou que, ao rematar o prazo de permutas, un 64,7 % de mutualistas se adscribiran a entidades concertadas e un 35,3 % elixiran a opción pública. A implantación da receita electrónica concertada en todo o territorio será unha realidade a finais deste ano e axiña se porá en marcha o proxecto piloto de parte electrónico de baixa para situacións de incapacidade temporal.
- Prazos para o cambio de entidade:
- Logo da adxudicación definitiva, abrirase un novo prazo dun mes para realizar o cambio de entidade, que incluirá tanto o cambio voluntario (entre aseguradoras, das aseguradoras á seguridade social —aínda que nun principio non estaba previsto— e da seguridade social ás aseguradoras) como o forzoso para mutualistas que estean adscritos á entidade DKV, que non subscribe o concerto (en caso de non realizar o cambio, MUFACE fará cambio de oficio ao INSS).
- En xuño abrirase o segundo período de cambio ordinario do novo concerto, durante o cal será posible de novo optar por entidades concertadas ou polo servizo sanitario público (en todas as direccións).
Intervención de CCOO
CCOO interveu nos seguintes puntos:
- Felicitamos a todos os traballadores e traballadoras de MUFACE e a súa directora xeral polo traballo realizado durante os meses de crise, fronte á ambición dunhas aseguradoras ás que só lles interesou a súa conta de resultados.
- A negativa das aseguradoras privadas que viñan prestando asistencia sanitaria ao funcionariado dentro de MUFACE a aceptar a licitación aberta polo Goberno, deixando o concurso deserto, puxo de manifesto, con toda crueza, as dificultades que supón para o futuro a sostibilidade do modelo.
- Somos unha carga para unhas aseguradoras: despois de 50 anos lucrándose, agora que a idade media das e dos mutualistas se eleva ata os 57,1 anos, considérannos un lastre para a súa conta de resultados.
- No marco de tranquilidade que proporciona o novo convenio, esiximos abrir un necesario debate sobre o futuro, partindo da base de que o sistema amosou síntomas de esgotamento. Non podemos permitir que as aseguradoras nos volvan tratar como reféns para os seus propios intereses.