O sindicato presentou en conferencia de prensa un informe sobre o financiamento da educación universitaria en España que evidencia a deterioración da universidade pública debido, principalmente, ao insuficiente financiamento e ao auxe das universidades privadas nas dúas últimas décadas e no que se constata que o financiamento caeu 14 puntos porcentuais en termos reais desde o ano 2009.
Na presentación do informe, o secretario xeral de CCOO, Unai Sordo, subliñou que «estamos ante un contexto de crecentes intentos de privatización ou concertación de servizos públicos esenciais, no que diversas voces alertan sobre o impacto que estas medidas teñen na fragmentación social». Sordo denuncia que esta situación non se limita ao ámbito universitario, senón que se estende á formación profesional, o sistema sanitario e mesmo ao modelo público de pensións. «Todo isto responde a unha estratexia coherente de privatización progresiva en sectores clave, o que levará a unha sociedade máis segregada e desigual». Por iso, «desde CCOO facemos un chamamento á resistencia tanto sindical como social para defender a esencia dos servizos públicos».
Sordo destacou que «aínda que o noso país alcanzou un alto nivel de cualificación, o mercado laboral non ofrece empregos acordes a esta formación». O 55,6 % dos mozos e mozas entre 25 e 30 anos teñen estudos superiores, pero a maioría dos empregos ofertados non se corresponden coa formación adquirida, o que evidencia un problema estrutural no tecido produtivo español. «No canto de aproveitar o investimento formativo para xerar empregos de maior calidade e mellores salarios, moitas persoas con estudos superiores enfróntanse á precariedade e a sobrecualificación», sinala Sordo.
«O sistema educativo público segue enfrontándose a unha falta de financiamento estrutural, especialmente na formación superior. Mentres o discurso meritocrático xustifica as desigualdades herdadas, a realidade amosa que, sen un investimento suficiente en educación pública, a fenda social se perpetúa e a mobilidade social vese seriamente limitada», asegura.
Xunta Unai Sordo interviñeron a secretaria de Participación Institucional e Movementos Sociais, Carmen Vidal, o secretario xeral da Federación de Ensino confederal, Francisco García, e Alicia Pozas, coautora do informe e investigadora da Área de Relacións Laborais e Políticas Públicas da Fundación 1.º de Mayo.
Para Carmen Vidal, «a situación da universidade pública española é crítica» debido, fundamentalmente, a dous factores: por un lado, o insuficiente financiamento por parte das administracións públicas —sobre todo desde as comunidades autónomas— e, por outro, polo extraordinario auxe das universidades privadas nas últimas dúas décadas. Segundo o informe, das 91 universidades actualmente en funcionamento, 50 son públicas e 41 privadas, o que supón o 45 % do total.
Vidal esixiu «que se adopten medidas urxentes porque, se non, en poucos anos o panorama da educación superior será radicalmente distinto ao que coñeceron xeracións anteriores», ao tempo que denunciou que este proceso «responde a unha estratexia de privatización encuberta, na que o infrafinanciamento das universidades públicas xoga un papel clave na expansión da educación privada».
Malia que España conta hoxe con máis estudantes universitarios ca nunca, a universidade pública perdeu un 18 % do seu alumnado. Para Vidal, «este fenómeno non é casual, senón o resultado de políticas que debilitan o acceso á educación pública e reforzan a oferta privada» e sinala a preocupación de organizacións e colectivos ante as consecuencias deste modelo «que ameaza con afondar nas desigualdades e transformar a universidade nun espazo cada vez máis inaccesible
para moitos sectores da sociedade».
A investigación que fai pública CCOO detalla que a matrícula de estudantes en graos e másteres en universidades públicas diminuíu un 18 % desde 1999, o que se traduce nunha perda de un de cada cinco estudantes nos últimos 25 anos, coa conseguinte transferencia ás universidades privadas, especialmente no ámbito da educación a distancia, onde a universidade pública só conta coa UNED, en contraste coas seis universidades privadas que teñen esta modalidade. Así, as matrículas en universidades privadas creceron un 368 % desde 1999, especialmente en programas de máster non presenciais. O número de matrículas en másteres privados medrou un 69 % desde o curso 2015-2016, cun aumento considerable nos programas a distancia.
Pola súa parte, Francisco García referiuse ao mapa que traza o informe, que debuxa un escenario onde a universidade pública perde peso fronte á privada pola falta de financiamento público; isto tradúcese tamén en que a pública oferta un número inferior de prazas ao de solicitudes de primeira opción en todas as ramas de grao. Por iso, apuntaba que no curso anterior, o 23/24, o número de solicitudes de primeira opción foi de 475 569, case o dobre do número de prazas públicas presenciais ofertadas, 245 956.
Segundo o informe, en 2021, o gasto público en educación superior en España foi do 2,19 %, unha cifra por baixo da media da OCDE (2,72 %) e incluso da Unión Europea, co 2,44 %. Así mesmo, o gasto total por estudante das institucións de educación superior en 2021 foi de 14 432 euros, un 23,6 % inferior á media da OCDE (18 900 €) e un 21,8 % por baixo do dato da UE (18 465 €).
Desde CCOO pídese que o financiamento público, en todas as súas modalidades, se destine ás universidades públicas, e que se regule por lei un maior nivel de esixencia dos requisitos requiridos para a creación e funcionamento das universidades privadas. Para CCOO, a execución destas medidas debería pasar por unha moratoria na creación e recoñecemento de novos centros ou universidades privadas.
Como destacaba Alicia Pozas, o informe sinala que o infrafinanciamento provoca que cada vez máis as universidades públicas dependan das taxas de matrícula como mecanismo de compensación, o que coloca unha maior carga económica sobre estudantes e familias que, sumada á escaseza de bolsas, tradúcese nun aumento da desigualdade. Ao respecto, esa desigualdade tamén se reproduce nas propias taxas, con grandes variacións nos prezos dos créditos universitarios entre comunidades autónomas. Así, as taxas máis altas son as de Madrid, Navarra e Cataluña. Arredor do 22 % dos ingresos das universidades públicas de Madrid e do 20 % das de Cataluña proveñen das achegas do alumnado, fronte á media española que se sitúa no 13,5 %.
O acceso equitativo á educación superior é unha condición necesaria para non afondar nas desigualdades que se van xerando en etapas educativas previas e avanzar na igualdade de oportunidades. Para CCOO, a educación superior universitaria é un servizo público que debe estar garantido polas universidades públicas cun financiamento adecuado, suficiente e previsible no tempo, que cubra o 100 % das súas necesidades básicas para poder dar cumprimento ás súas obrigas coa sociedade.
O informe conclúe que para asegurar a accesibilidade, as taxas universitarias deberían seguir reducíndose para facilitar o acceso e reducir a segmentación de clase existente nos distintos niveis de estudos e as diferentes comunidades autónomas. E, pola súa vez, reclaman incrementar e ampliar as bolsas e axudas económicas para cubrir matrículas, materiais, manutención e transporte, asegurando que os recursos estean ao alcance de todo o alumnado que o requira.
Documentación relacionada:
Resumo Executivo do Informe sobre a financiación da educación universitaria en España
Informe sobre a financiación da educación universitaria en España

![Presentación do informe sobre o financiamento da educación universitaria en España]](https://ccooensino.gal/wp-content/uploads/2025/03/20250327-universidade-publica.jpg)