Nefasta xestión na cobertura provisional de prazas de Inspección Educativa

A Consellería de Educación volve demostrar unha xestión deficiente ao abordar a cobertura provisional de prazas na Inspección Educativa. Tralo concurso-oposición celebrado no verán de 2024, no que se ofertaron 11 prazas pero só se cubriron 6, a Consellería optou por un procedemento improvisado e claramente ineficaz para cubrir as necesidades detectadas no servizo de Inspección Educativa ao deixar esas outras 5 vacantes desertas.

O borrador da Resolución do 16 de outubro que regula este procedemento foi rexeitado non só por CCOO Ensino, senón por todas as organizacións sindicais presentes na Mesa Sectorial do 15 de outubro. Denunciamos a falta de transparencia, a discrecionalidade na designación dos membros das comisións avaliadoras, a ausencia de seguridade xurídica e a carencia dunha lista de vacantes coñecidas naquel momento. Ademais, o deseño da proba eliminatoria, que consiste nunha presentación e defensa dun proxecto sen criterios claros de avaliación, foi considerado claramente inadecuado.

Os datos preliminares do procedemento confirman o seu fracaso. Das 128 persoas admitidas inicialmente, só 96 se presentaron á proba, e unicamente 7 a superaron, unha cifra insuficiente para cubrir as 9 vacantes provisionais anunciadas. Mentres tanto, 5 persoas que quedaron ás portas de superar o concurso-oposición en xullo poderían ter sido chamadas desde setembro, evitando así un procedemento innecesariamente complexo, tardío e que finalmente non resolverá a cobertura das necesidades do servizo.

A situación actual evidencia unha falta de planificación e diálogo por parte da Consellería, que se negou en todo momento a negociar un modelo de cobertura de prazas a partir das listaxes de persoas que superaran algunha proba no concurso-oposición. Isto, complementado coa formación interna pertinente, sería máis axeitado que obrigar ás persoas candidatas a presentarse no medio do curso escolar a un procedemento opaco, ineficaz e innecesario.

CCOO Ensino esixe que a Consellería rectifique e adopte medidas que garantan unha cobertura de prazas baseada en criterios obxectivos, transparentes e consensuados, evitando esta improvisación que prexudica o funcionamento do sistema educativo galego e que bota por terra o esforzo dedicado durante anos polas persoas que acoden ao concurso-oposición para acceder ao Servizo de Inspección Educativa.