CCOO Ensino, ANPE, CSIF e UGT-SP, como organizacións sindicais asinantes do Acordo para as condicións de traballo do persoal interino e substituto informamos dun avance fundamental alcanzado polos catros sindicatos e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP no seo da comisión de seguimento deste Acordo.
Tras intensas xornadas de traballo, as organizacións sindicais asinantes logramos un cambio histórico no sistema:
A FIN DA OBRIGATORIEDADE TANTO DE MATRICULARSE
COMO DE PRESENTARSE ÁS OPOSICIÓNS
PARA MANTERSE EN LISTAS DE INTERINIDADES E SUBSTITUCIÓNS
Froito do traballo e a negociación sindical, acordouse finalmente a eliminación da obrigatoriedade de presentarse aos procedementos selectivos de persoal docente para manterse nas listas de interinidade e substitucións desta Consellería.
Esta obriga suprímese SÓ para o persoal que teña posto consolidado.
Para o persoal NON consolidado ou para incorporarse a listas SEGUE SENDO NECESARIO presentarse ás oposicións.
Beneficios para as persoas traballadoras e para o sistema educativo
Desde CCOO Ensino, ANPE, CSIF e UGT-SP defendemos esta medida baseándonos en argumentos sólidos que benefician ao conxunto do profesorado e do sistema educativo:
- Optimización dos tribunais de oposición e redución da carga burocrática e organizativa: a asistencia masiva e por mero trámite aos procesos selectivos xeraba unha sobrecarga de xestión para os tribunais. Agora, estes poderán centrarse nas persoas opositoras que opten realmente a obter praza, axilizando a loxística e os tempos e reducindo o número de reclamacións e incidencias durante o proceso e tamén posteriormente.
- Reparto de prazas máis xusto: corríxense situacions inxustas como que un tribunal recibira mais prazas que outro, só polo feito de ter maior numero de persoas presentadas, ao obrigar a persoal interino e substituto a presentarse para non decaer das listas
- Facilitación da conciliación e a loxística familiar: a medida pon fin aos desprazamentos obrigatorios motivados unicamente por un trámite administrativo. Ao eliminar a participación forzosa, permítese que o persoal interino e substituto poida organizar a súa vida familiar e os seus tempos de conciliación con maior liberdade, evitando viaxes innecesarias que non achegan valor ao proceso selectivo e respectando a autonomía de cada docente para planificar o seu calendario de oposicións.
- Seguridade xurídica e estabilidade: adaptamos as listas de interinidade e substitucións a un modelo de xestión máis avanzado e eficiente, garantindo que a permanencia en listas do persoal docente quede debidamente acreditada polo seu traballo efectivo, sempre tendo en conta as causas e número de renuncias xustificadas.
Compromiso e avance continuo
Este logro é un paso máis na mellora das condicións laborais do persoal interino e substituto, un colectivo esencial para a calidade do sistema educativo público galego. Seguiremos traballando para que o resto dos puntos do acordo blinden os vosos dereitos e recoñezan o voso labor.
Desde CCOO Ensino, ANPE, CSIF e UGT-SP manterémosvos informados detalladamente unha vez se proceda á sinatura definitiva desta nova addenda ao “Acordo para as condicións de traballo do persoal interino e substituto” e se publique o texto íntegro no DOG.
