Grupo A1 e suba de nivel para todos os corpos docentes. Recollida de sinaturas

É A HORA DUNHA LEI DO PROFESORADO. É A HORA DO ESTATUTO DOCENTE.

CCOO está esixindo a negociación dunha lei do profesorado, un verdadeiro estatuto docente que mellore e homologue as nosas condicións. Existen moitas cuestións que levamos tempo reivindicando e polas que actuamos e nos mobilizamos.

O sindicato resumiu nun decálogo os principais puntos que debe recoller, como mínimo, un estatuto para que poida realmente definirse como tal; ha dar resposta ás principais necesidades do profesorado e que este poida realizar o seu fundamental labor nas mellores condicións. Estes dez puntos son os seguintes:

  1. Diminución da carga lectiva, redución do horario de permanencia e mellora das ratios.
  2. Grupo A1 e suba de nivel para todos os corpos docentes.
  3. Xubilación anticipada, voluntaria e incentivada para todas e todos.
  4. Regulación específica docente da saúde laboral, incluíndo os riscos psicosociais.
  5. Mellora real da formación inicial.
  6. Formación permanente con recursos e dentro do horario laboral.
  7. Unha verdadeira carreira profesional, atractiva, articulada e ben incentivada.
  8. Revisión do ingreso e acceso, primando aspectos pedagóxicos cunha fase de prácticas con recursos, realmente formativa e ben planificada.
  9. Concreción das funcións do profesorado para evitar a acumulación de tarefas e o exceso de burocracia.
  10. Mellora e homologación á alza das condicións retributivas e laborais do profesorado, incluíndo tamén licenzas e permisos e mais acción social.

No marco destas reivindicacións e actuacións sobre todos estes puntos, CCOO pon en marcha unha recollida de sinaturas específica a prol do recoñecemento do labor docente de todo o profesorado de todos os corpos, cunha suba de nivel de complemento de destino para todas e todos e coa máxima consideración na función pública, integrando a totalidade dos corpos no subgrupo A1.

As responsabilidades das e dos docentes en todas as ensinanzas son vitais e afrontamos retos de primeiro nivel, nun labor social e profesional de suma importancia. Por iso, todos os corpos deben ter a máxima consideración na función pública, ser subgrupo A1, e débese subir o nivel de complemento de destino de todos eles.

Todas e todos xuntos conseguiremos mellorar as nosas condicións laborais e retributivas, que redundarán nunha maior calidade do sistema educativo público.

ASINA A PETICIÓN AO MINISTERIO E Á CONFERENCIA SECTORIAL DE EDUCACIÓN