Propostas de CCOO para o real decreto que prepara o Goberno
O Ministerio de Xuventude e Infancia, co que CCOO vén mantendo unha colaboración constante nos últimos meses, anunciou hai uns días a tramitación dun real decreto destinado a establecer estándares mínimos na atención a menores baixo tutela. Esta iniciativa responde á necesidade de homoxeneizar os 17 modelos autonómicos existentes, garantindo unha protección adecuada e equitativa aos case 50 000 menores baixo tutela en España, xa sexa en réxime de acollemento residencial ou familiar.
O proxecto lexislativo ten como obxectivo regular ratios mínimas de persoal e prazas máximas por centro, así como promover un modelo de acollida familiar e erradicar os denominados «macrocentros». Neste sentido, CCOO propúxolle ao Ministerio unha serie de medidas que esperamos se acaben incorporando ao real decreto. Entre elas destacamos:
- Promover proxectos educativos nos centros de internamento que se cingan expresamente á Lei 5/2000 de responsabilidade penal do menor, especialmente na atención ás franxas de idade dos e das menores, a adecuación na intervención ás medidas xudiciais, a cualificación profesional, así como ao establecemento de ratios específicas por modalidade de internamento.
- Crear programas de acompañamento e transición á vida adulta ata os 21 anos con profesionais socioeducativos.
- Establecer estándares de calidade dos centros de acollemento residencial que os asemellen a núcleos familiares, tanto en número de prazas e recursos humanos como en medios físicos e económicos.
- Crear centros de protección terapéuticos ou de trastornos de conduta como recursos específicos especializados.
- Garantir que os centros de acollemento familiar sexan espazos que reproducen un ambiente familiar de bo trato e libre de violencia.
- Establecer que os centros de primeira acollida dispoñan como máximo de 15 prazas, garantindo a presenza de persoal especializado na intervención educativa a través de educadores/as sociais e a de equipos interdisciplinarios de traballadores/as sociais, psicólogos/as, etc., así como un tempo máximo de estadía neste tipo de centros.
- Garantir que os centros de acollemento residencial alberguen como máximo oito prazas.
- Delimitar no tempo os centros de emerxencia.
- As inspeccións dos centros de acollemento residencial velarán tanto pola correcta e adecuada atención socioeducativa dos e das menores como polo cumprimento das condicións establecidas no contrato de xestión, no caso de que así sexa, das entidades privadas que xestionen o servizo, especialmente das referidas ás condicións laborais dos traballadores e traballadoras.
- Todo centro de acollemento residencial contará, como mínimo, cunha persoa con titulación, preferiblemente, en educación social ou ben habilitada por colexio profesional, por cada catro menores de idade residentes de atención directa, en cada quenda de traballo e presencialmente.
- Garantir que se respectarán as funcións e postos de traballo establecidos polo convenio sectorial de aplicación das persoas que desempeñen tarefas de apoio á atención social e educativa. En ningún caso e en ningunha modalidade de centro de acollemento residencial se recollerá a posibilidade de que menos de dúas persoas profesionais de atención directa estean presencialmente no centro.
- Garantir que a organización laboral do centro de acollemento residencial favorecerá e posibilitará a continuidade e estabilidade do persoal de atención directa, así como a conciliación da vida persoal e laboral e mais a prevención dos riscos laborais das persoas traballadoras.
Este avance lexislativo pode representar un primeiro paso significativo, pero temos que ir más alá. CCOO seguirá reivindicando unha reforma integral que priorice o benestar dos e das menores e a seguridade das persoas traballadoras, evitando que traxedias como a de Badajoz volvan ocorrer. A protección da infancia e a dignificación dos servizos sociais non poden seguir sendo postergadas. É imperativo que todas as Administracións asuman a súa responsabilidade e traballen de xeito coordinado para garantir un sistema de protección sólido, xusto e eficaz.
Por iso, CCOO convoca concentracións por todo o Estado para o 2 de abril. O cambio profundo no sistema de protección de menores e reforma xuvenil, que garanta tanto os dereitos dos e das menores como a seguridade e dignidade dos traballadores e traballadoras deste ámbito, non pode demorar máis.

