Recentemente, a CIG lanzou un comunicado malintencionado dirixido a CCOO, UGT e USO. Vémonos na obriga de desmentir acusacións, afirmacións carentes de veracidade e de informar á afiliación e ás persoas traballadoras da realidade laboral e sindical no ámbito das Escolas Infantís 0-3:
- En Galicia non hai patronais galegas nin previsión ningunha de que se constitúan. A CIG promete un convenio galego como solución aos problemas laborais das traballadoras das escolas infantís (e doutros sectores: discapacidade, centros de menores, etc.). Pero para que se poida chegar a ese escenario, debe formarse unha patronal galega e a partir de aí crear e negociar o convenio. A insistencia da CIG en promover un marco de negociación autonómico, ignorando a inexistencia dunha patronal galega, constitúe non só unha falacia senón tamén un engano ás traballadoras, creando falsas expectativas. Dende CCOO, UGT e USO reafirmamos o noso compromiso coa verdade e coa transparencia, rexeitando calquera tentativa de manipulación ou desinformación.
- A CIG emprega a unidade sindical para obter beneficios unilaterais e dista demostrar unha actitude ética. Fai uso da política nacionalista, cando o obxectivo das organizacións sindicais debe ser, exclusivamente, o de velar pola defensa dos dereitos das persoas traballadoras. Promociona estratexias que benefician exclusivamente a súa organización. A verdadeira forza radica na unidade e na capacidade de actuar conxuntamente en prol dos dereitos das traballadoras e traballadores, non na división.
- O diálogo, o respecto e a transparencia, tanto entre organizacións sindicais como para coas persoas traballadoras, son piares fundamentais e sólidos para CCOO, UGT e USO. As organizacións sindicais fortalécense dialogando, unindo forzas e aportando diversidade de opinións e estratexias para lograr avances laborais. Así continuaremos traballando e comprometidos coa unidade de acción ética e co diálogo construtivo a prol das persoas traballadoras.
Podes descargar e difundir este comunicado en formato PDF
Tamén podes consultar a resposta punto por punto ao comunicado da CIG ou imprimir para colgar no teu centro educativo