Desde 2018, os sindicatos da educación de todo o mundo unímonos cada 16 de maio para recoñecer, valorar e dignificar o traballo que realiza o persoal de apoio educativo (PAE) nos centros educativos. Contan adoito con condicións de emprego precarias, enfróntanse a unha maior explotación e carecen en moitos países de dereitos fundamentais como a negociación colectiva.
Este ano, para conmemorar o Día Mundial do PAE, a Internacional da Educación (IE) presenta unha investigación innovadora que forma parte da campaña Pola pública! Creamos escola. O estudo, titulado Apoiar a comunidade: abordar os efectos da privatización e o escaso financiamento para o persoal de apoio educativo, realizado por Anja Giudici e Lucas Cone, pon de relevo como a privatización e o déficit de financiamento público ameazan a capacidade do PAE para contribuír a unha educación universal, inclusiva e de calidade. Ademais, explora as respostas do PAE e dos sindicatos da educación a estes desafíos, resaltando as estratexias empregadas para protexer os dereitos e o status do PAE.
O Día Mundial do PAE subliña a importancia crítica de recoñecer e mellorar as condicións laborais destes traballadores e traballadoras esenciais. As contribucións do PAE son fundamentais para o funcionamento eficaz dos sistemas educativos e para garantir unha educación de calidade para todos. A medida que afrontamos desafíos como a privatización e o insuficiente financiamento, é imperativo que as políticas educativas globais inclúan medidas concretas para fortalecer a súa posición e asegurar os seus dereitos. Celebrar este día lémbranos o valor incalculable do PAE e impúlsanos a continuar avogando por un cambio significativo que recoñeza o seu papel indispensable dentro da comunidade educativa.