A fenda salarial entre mulleres e homes é dun 18,6 % en España. Hai unha desigualdade evidente entre a remuneración percibida por mulleres e homes no seu traballo.
Por que é importante esta data?
Porque debería ser un obxectivo de toda a sociedade acabar coas fendas laborais e especificamente coa salarial de xénero. Para iso, é urxente actuar sobre os factores estruturais provenientes do patriarcado e do capitalismo que determinan e fomentan, desde a infancia, a desigualdade e a subordinación das mulleres no proceso de socialización e ao longo de toda a educación.
A discriminación salarial é o resultado da maior explotación e desigualdade laboral que sofren as mulleres na súa inserción e traxectoria no mercado de traballo que, á súa vez, ten a súa orixe na desigualdade social, cultural e educativa, e na asignación duns roles diferenciados por xéneros. Non hai que profundar moito para comprobar que, histórica e socialmente, as mulleres dedicáronse ao ámbito dos coidados.
Cal é a resposta de CCOO?
A loita sindical (coa negociación dos acordos para o emprego e a negociación colectiva, a implantación dos plans de igualdade, o seguimento e posta en marcha de políticas de igualdade e a valoración de postos de traballo con perspectiva de xénero, por mencionar algunhas formas de intervención) inflúe moito en que a fenda se reduza.
En España o salario medio anual do emprego principal situábase en 27.642 euros entre os homes e en 23.301 euros entre as mulleres en 2022. O salario medio das mulleres tería que aumentar un 18,6 % para igualar o salario medio anual dos homes.
Por suposto, o ensino e os sectores socioeducativos non son alleos a esta realidade. Tanto no ensino público como na concertada, existe unha maior presenza de mulleres en Infantil e Primaria, a que se vai reducindo segundo se avanza cara aos niveis superiores: Secundaria, Formación Profesional e Universidade, e non só no labor docente, senón tamén nos cargos de responsabilidade, coas consabidas diferenzas salariais que existen: a maior nivel educativo, mellor é o salario percibido.
Non resulta sorprendente que os sectores socioeducativos vinculados á educación son altamente feminizados, con salarios moi precarios, gran presenza de parcialidade e están moi vinculados aos coidados (escolas infantís, lecer e tempo libre, discapacidade…).
A pesar de que a diferenza salarial acurtouse, é necesario seguir tomando medidas para reducila. Por exemplo, cambiando a distribución laboral e a composición do emprego, e incorporando medidas reais de corresponsabilidade (dereito aos coidados).
Por que?
Porque as mulleres aínda supoñen o 75% da poboación asalariada a xornada parcial. Este tipo de xornada explica o 70% da fenda.
Porque as mulleres teñen unha menor inserción laboral e de menor duración que os homes.
Porque os sectores con baixos salarios teñen un maior peso no emprego feminino que no masculino.
Para cambiar esta escandalosa realidade, é imprescindible seguir con políticas de igualdade e reforzar a loita sindical feminista. CCOO contigo.