Día do PAE. Imprescindible para a calidade educativa

16 de maio, día internacional do persoal de apoio educativo (PAE)

O 16 de maio celebramos unha data para recoñecer o labor esencial das profesionais que fan posible unha escola máis inclusiva, segura e humana.

Desde CCOO Ensino queremos poñer en valor o conxunto do Persoal de Apoio Educativo, un colectivo prioritario e imprescindible no funcionamento dos centros educativos. Falamos de coidadoras, intérpretes de lingua de signos, persoal de administración, subalterno, limpeza, cociña, mantemento, orientación, integración social, traballo social, enfermaría, fisioterapia, logopedia, persoal especialista en educación infantil e outras profesionais que sosteñen cada día o sistema educativo desde funcións moitas veces invisibilizadas.

A calidade educativa non depende só da instrución académica. Depende tamén dun ecosistema integral que garante a equidade, a inclusión real, a seguridade, o benestar e a dignidade dos centros. Sen PAE, a escola non funciona.

Unha peza clave para unha educación integral

O PAE desenvolve funcións fundamentais para facer efectivo o dereito á educación. Acompaña, coida, orienta, atende, interpreta, organiza, limpa, alimenta, sostén e garante que a vida diaria dos centros poida desenvolverse con normalidade.

O seu labor é determinante para eliminar barreiras físicas, cognitivas, sensoriais e sociais; para detectar necesidades; para mediar entre a escola e as familias; para garantir condicións axeitadas de seguridade e salubridade; e para facer posible que o alumnado, especialmente quen presenta necesidades específicas, poida exercer o seu dereito á educación en igualdade de condicións.

Recoñecer o PAE non é un xesto simbólico. É recoñecer que a educación é un acto colectivo e que cada centro educativo funciona grazas ao traballo coordinado de moitas profesionais, docentes e non docentes.

Recoñecemento, estabilidade e negociación

A pesar da súa importancia, o Persoal de Apoio Educativo segue afrontando problemas que requiren unha resposta urxente por parte da Administración: ratios insuficientes e desactualizadas, falta de persoal, sobrecarga de traballo, ausencia de planificación, precariedade, falta de recoñecemento profesional e condicións laborais que non se adaptan á realidade actual dos centros.

Os centros educativos mudaron profundamente nos últimos anos. Hai máis diversidade, máis necesidades de apoio, máis complexidade organizativa e máis servizos que atender. Porén, moitas condicións laborais, funcións e dotacións seguen ancoradas en criterios desfasados que non responden ás necesidades reais da comunidade educativa.

Por iso, desde CCOO Ensino reclamamos á Consellería de Educación a apertura dunha mesa específica de negociación para o persoal non docente e de apoio educativo. Un espazo real de negociación no que se aborden, de maneira global e con solucións concretas para cada colectivo, cuestións como a revisión de ratios, a actualización das funcións, a clasificación profesional, a mellora das condicións laborais e retributivas, a cobertura áxil das ausencias e a planificación das necesidades reais de persoal.

CCOO Ensino leva décadas defendendo o Persoal de Apoio Educativo en todos os ámbitos de negociación. A mellora das súas condicións non é unha reivindicación nova nin oportunista: é unha traxectoria sostida de traballo sindical, mobilización, negociación e defensa xudicial dos dereitos laborais.

Defender o PAE é defender a educación pública

Desde CCOO Ensino consideramos que dignificar o Persoal de Apoio Educativo é defender a educación pública. Non se trata só de dereitos laborais, senón de garantir unha escola máis inclusiva, máis segura, máis humana e con máis capacidade para atender a diversidade do alumnado.

Neste 16 de maio, reafirmamos o noso compromiso co PAE e coa súa loita por recoñecemento, estabilidade, recursos e negociación real.

Porque sen persoal de apoio educativo, os centros non funcionan. E porque mellorar as súas condicións é mellorar a educación pública.

Feliz día do PAE! Somos prioritarias e imprescindibles.