Día contra a LGTBIQ+fobia (17 de maio)

Nun día tan importante na Federación de Ensino de CCOO, somos conscientes e coñecedoras de que a diversidade nas nosas escolas e centros socioeducativos está máis presente e visible ca nunca. Con todo, tamén constatamos que os discursos e delitos de odio na nosa sociedade están aumentando, impulsados en boa medida polo discurso da ultradereita.

Nun día tan importante como o 17 de maio, día da loita pola erradicación da LGTBIQ+fobia, na Federación de Ensino de CCOO somos conscientes e coñecedoras de que a diversidade nas nosas escolas e centros socioeducativos está máis presente e visible ca nunca. Con todo, tamén constatamos que os discursos e delitos de odio na nosa sociedade están aumentando, motivados en gran parte polo discurso da ultradereita.

Segundo un estudo sobre racismo, xenofobia, LGTBIQ+fobia e outras formas de intolerancia, presentado en marzo de 2024 polo CXPX, os datos son alarmantes: un de cada cinco delitos de odio cometidos en España entre 2002 e 2021 (22,7 %) tivo como obxectivo a orientación e a identidade sexual das vítimas. É destacable a valoración que se fai: «A importancia de coñecer de forma precisa a realidade destes comportamentos delituosos co fin de previlos, pois causan un forte impacto divisor da convivencia polo seu enorme potencial de envelenamento da coexistencia pacífica entre grupos diferentes».

Os centros educativos e socioeducativos non son alleos a esta realidade que sucede principalmente nas rúas. Ao longo deste curso, a Federación de Ensino de CCOO e a Federación Estatal de Lesbianas, Gais, Trans, Bisexuais, Intersexuais e máis (FELGTBI+) están elaborando un estudo (vinculado á temática da FELGTBI+ do ano 2024: a educación), que analiza e pretende aplicar medidas correctoras sobre as experiencias de odio cara ao profesorado LGTBIQ+.

O estudio, centrado en docentes e persoal educativo dos centros de ensinanzas regradas non universitarias, está en proceso de análise dos datos recollidos nos centros a través dunha enquisa á que responderon tanto persoas do colectivo como aliadas. De momento, os datos indícannos que, como adiantabamos, os centros educativos e as persoas traballadoras non están exentas de sufrir episodios de LGTBIQ+fobia.

As porcentaxes de situacións de odio indican que un 8,1 % foron vítimas, un 23,5 % presenciáronas e un 4 % foron vítimas e presenciáronas. A frecuencia é un dos datos máis alarmantes: un 31,7 % sufriron ou presenciaron LGTBIQ+fobia en dez ocasións ou máis.

O procedemento de denuncia amosa que nos queda un longo camiño por percorrer, xa que só un 29 % das persoas denunciaron a situación de odio fronte a un 47 % que non o fixeron, mentres que un 24 % non sabe ou non contesta. O que si indica, e é un dato moi positivo, é que naqueles centros onde existen protocolos específicos para a protección do persoal docente e non docente e en centros onde se impartiu formación específica ao respecto, a porcentaxe de situacións de odio redúcese moi considerablemente (un 19 % fronte a un 71,2 %).

Por todo isto, desde a Federación de Ensino de CCOO instamos as Administracións educativas a poñer en marcha de forma inmediata protocolos de actuación a favor das diversidades nas escolas; pór en práctica as leis aprobadas para erradicar, garantir a visibilidade de todas elas en contextos educativos e favorecer unha educación en igualdade e respecto a todas as diversidades, e instamos o desenvolvemento regulamentario das medidas planificadas para combater a LGTBIQ+fobia nos centros de traballo, desenvolvemento do artigo 15 da Lei 4/23 LGTBI e Trans.

Hai que erradicar de todos os centros educativos e socioeducativos calquera tipo de manifestación, conduta, actitude ou comportamento de rexeitamento, indiferenza e, incluso, violencia verbal ou física contra as persoas LGTBIQ+.

Debemos conseguir, con todas as ferramentas que temos e co compromiso das administracións e empresas, espazos de traballo seguros para todas as persoas, incluídas as persoas LGTBIQ+.