As Comisións Obreiras chamamos a atención sobre o risco de promover e difundir informes alarmistas sobre a situación do sistema de pensións, baseados en formulacións técnicas abertamente parciais. Este tipo de noticias alimentan o relato do conflito interxeracional que, en realidade, só buscan xustificar recortes de dereitos.
Noticias deste xénero levan anunciando desde hai décadas o colapso do sistema público de pensións, sempre con mensaxes similares e que fallan sistematicamente nas súas predicións. O último exemplo témolo no informe publicado polo IVIE-Fundación BBVA, que anuncia un suposto e inevitable adiamento ata os 71 anos da idade de xubilación das persoas novas.
Xubilación da mocidade aos 71 anos?: antepoñer a campaña publicitaria á análise rigorosa
O informe en cuestión, de fiabilidade mellorable, aparecía de forma acrítica en varios medios de comunicación, o que indica, en primeiro lugar, a proxección mediática dos seus promotores. En realidade, dado o limitado da súa base técnica, semella máis un produto que busca o impacto nos medios ca a reflexión e a análise técnica rigorosa.
O informe presenta así un titular-reclamo de atraso aparentemente ineludible da idade de xubilación, que non deriva nin da lexislación en vigor nin da experiencia histórica. Ademais, para conseguir o titular buscado, introduce medidas ou acontecementos inexistentes.
Parte dunha premisa elixida con intención: comparar a taxa de ocupación da xente entre 16 e 29 anos de 2007 —a máis alta dos últimos 45 anos— coa actual, certamente inferior, omitindo que está subindo tras a forte caída derivada da crise 2008-2012.
Aventúrase a afirmar o que lles vai ocorrer ás persoas que se xubilarán entre os próximos 36-49 anos, pero non explica que a taxa de ocupación dos mozos e mozas ao final dos anos 70 e primeiros 80 do século XX era inferior á actual. Non interesa para o relato esa perspectiva.
As persoas que se están xubilando actualmente puideron comezar a traballar ao final dos 70, con menores taxas de ocupación da mocidade entre 16 e 29 anos ca as actuais. Se os homes xubilados en 2024 tiñan de media 41 anos cotizados e as mulleres 35, e están claramente en ascenso (28 uns anos antes), a premisa cambalea.
A partir de aquí empeza a xogar e combinar supostos, algúns imaxinarios, outros para criticar a maior equidade establecida para as rendas máis altas ao aumentar as bases máximas de cotización ou establecer a nova cota de solidariedade. Hai que recoñecer que era previsible.
Ou o incremento de cotizacións do MEI, do que 5/6 partes aumentan a cotización empresarial e alcanzan o 1,2 % a partir de 2029, ignorando que entre 1978 e 1995 se reduciron 6 puntos porcentuais as cotizacións (o 90 % da redución nas cotas empresariais 5,5 %).
Pero non acaba aí. Para cadrar os seus números, introdúcense tres hipóteses que hoxe non existen e, talvez, si desexan os autores e promotores do informe:
- Aumentar a 40 anos os necesarios para acceder ao 100 % da pensión (base reguladora).
- Aumentar o período de cálculo da pensión de xubilación a 35 anos.
- O máis curioso: recuperan o factor de sostibilidade que aprobou o PP na reforma de 2013, castigando as pensións futuras da xente nova ata nun 30 %, malia que foi derrogado por acordo entre o Goberno, os sindicatos e os empresarios en 2021.
Promover noticias enganosas sobre as pensións tamén é promover a deslexitimación do Estado social e democrático
Promover e difundir informes alarmistas sobre a situación do sistema de pensións ten como efecto a deslexitimación non só do sistema de pensións, senón do conxunto do Estado social e democrático.
Fraco favor fai unha parte da academia científica en deixarse utilizar para contribuír ao que, en realidade, son meras campañas publicitarias para promover produtos financeiros e quen o difunde á opinión pública de xeito acrítico.

