Desde CCOO facemos un chamamento ás CCAA para o financiamento das universidades públicas españolas

Desde CCOO queremos expresar a nosa profunda preocupación ante as declaracións dalgunhas comunidades autónomas sobre a intención de non asumir corresponsablemente o financiamento do Plan Integra presentado en febreiro polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

Recordamos que CCOO xa dixo que o Plan non é suficiente para inxectar o financiamento que as universidades públicas necesitan, pois só recolle o financiamento dunha parte do profesorado axudante doutor necesario para asumir a docencia que vai deixar de cubrir o profesorado asociado coa entrada en vigor da LOSU. Ademais, non hai que esquecer que estas prazas terán que estabilizarse nun prazo máximo de seis anos.

Dito isto, o financiamento comprometido polo Ministerio supón un bo instrumento inicial para atallar a intolerable temporalidade e precariedade que padecen os cadros de persoal das universidades españolas. As crises económicas e a taxa de reposición, xunto con algunhas políticas de persoal, fan que a temporalidade nalgunhas universidades chegue ao 70-75 %, moi por riba do que marca a LOSU, pero tamén incumprindo o límite que establecía a LOU. Por iso non se entende nin podemos compartir a postura dalgúns Gobernos autonómicos, como Madrid, Castilla y León, Andalucía e Murcia, que xa manifestaron que non asumirán o financiamento dunha parte (un terzo ou menos) do Plan Integra, poñendo en perigo os fondos que xa comprometeu o Ministerio. Esta postura, que difire da doutros territorios como País Vasco, Canarias, Asturias, Catalunya e Castilla-La Mancha, que xa se manifestaron a favor de asumir o Plan, só pode entenderse como un abandono das súas obrigas, xa que a necesidade de mellorar o financiamento das universidades é anterior á implantación da LOSU, e un ataque á universidade pública para favorecer a privada.

Polo tanto, exhortamos a todos os Gobernos autonómicos a que asuman a corresponsabilidade neste financiamento, derivada da súa competencia na materia. De non ser así, CCOO non descarta mobilizacións naqueles territorios que non aposten por un adecuado financiamento do servizo público universitario. Así mesmo, CCOO insta o Ministerio a abordar canto antes a negociación do Estatuto do Persoal Docente Investigador para actualizar as condicións laborais do profesorado das nosas universidades, algunhas das cales están referidas a normativa de hai máis de 35 anos.