Curso en liña: «Comezar con bo pé: claves para a xestión eficaz do departamento de orientación»

50 horas

Actualización 31/07/2025: superouse o número de prazas. A inscrición está pechada.

Dar os primeiros pasos como responsable dun Departamento de Orientación (DO) pode xerar tantas ilusións coma incertezas. Este curso está pensado para acompañarte nese camiño e ofrecerche as ferramentas, coñecementos e recursos necesarios para que poidas asumir a xefatura con confianza, criterio e eficacia.

Se acabas de estrearte no cargo ou levas pouco tempo desempeñándoo, atoparás aquí un espazo práctico e colaborativo no que:

  • Coñecerás a fondo o papel do Departamento de Orientación nos centros educativos e o marco normativo que o regula en Galicia.
  • Descubrirás cales son as funcións específicas da xefatura e como coordinarte con outros cargos do centro.
  • Aprenderás a elaborar e organizar a documentación esencial do departamento (PXAD, PAADO, memorias, protocolos…).
  • Explorarás estratexias para planificar accións de orientación académica, profesional, psicopedagóxica e de atención á diversidade.
  • Reflexionarás sobre boas prácticas, modelos organizativos e ferramentas que che axuden a sistematizar e mellorar o teu traballo diario.
  • Potenciarás a túa capacidade para liderar un departamento clave no benestar, inclusión e éxito educativo do alumnado.

Este curso, impartido por Moodle (e cun par de videochamadas por Google Meet) é tamén unha oportunidade para compartires experiencias, resolveres dúbidas reais e formares parte dunha rede de profesionais que, coma ti, están a construír o seu camiño desde o compromiso e a aprendizaxe continua.

  • Lugar de celebración: Plataforma de teleformación de CCOO Ensino (Moodle).
  • 50 horas.
  • Datas de celebración: do 15 de setembro ata o 31 de outubro de 2025.
  • Titor: Manuel Martínez Alonso.
  • Custo: De balde.
  • Prazas: 50.
  • Prazo de matrícula: ata completar prazas.
  • Solicitada homologación á Consellería de Educación.

Obxectivos

  • Coñecer as funcións xerais do departamento de orientación nos centros educativos e do seu responsable.
  • Comprender a normativa vixente que regula a organización, funcionamento e actuación dos departamentos de orientación en Galicia.
  • Identificar as funcións específicas do xefe ou xefa do departamento de orientación e os seus vínculos coa xefatura de estudos e demais órganos de coordinación docente.
  • Saber elaborar, organizar e revisar a documentación básica do departamento: PXAD, Plan de orientación PAADO,  memorias, protocolos, informes, etc.
  • Establecer pautas para unha planificación eficaz das accións de orientación académica, profesional, psicopedagóxica e de atención á diversidade.
  • Recoñecer a importancia do traballo coordinado co equipo docente, as familias e outros servizos e entidades externas.
  • Familiarizarse co uso de ferramentas e modelos organizativos que melloren a eficacia e a sistematización do traballo do departamento.
  • Reflexionar sobre boas prácticas e estratexias para afrontar os retos habituais na posta en marcha dun departamento de orientación.

Contidos

1. Marco normativo e institucional

  • Normativa vixente en Galicia sobre orientación educativa
  • Funcións e organización dos departamentos de orientación segundo a lexislación.
  • O papel do orientador/a como membro dos órganos de coordinación docente.

2. O xefe/a do departamento de orientación

  • Funcións e responsabilidades específicas.
  • Relacións e coordinación con outros cargos do centro (dirección, xefatura de estudos, titorías, etc.).
  • Participación en comisións e elaboración de informes.

3. Documentación esencial do departamento

  • Principais documentos de centro elaborados polo DO: estrutura, contidos e exemplos.
  • Memoria de final de curso: seguimento e avaliación.
  • Protocolos habituais: acollida, atención á diversidade, absentismo, protección infantil, etc.
  • Rexistro de actuacións, informes psicopedagóxicos e modelos de derivación.

4. Planificación e actuacións prioritarias

  • Orientación académica e profesional ao longo das etapas educativas de infantil e primaria
  • Atención á diversidade e coordinación con equipos específicos (EOE).
  • Intervención psicopedagóxica individual e grupal.
  • Prevención e detección de dificultades de aprendizaxe e necesidades educativas especiais.

5. Relación coas familias e coordinación externa

  • Estratexias para a comunicación fluída e eficaz coas familias.
  • Coordinación con servizos sociais, sanitarios e outros axentes externos ao centro.
  • Intervención en situacións complexas (absentismo, conflitos, benestar emocional…).

6. Ferramentas e recursos para a xestión

  • Modelos e exemplos de documentos para facilitar a organización do traballo.
  • Ferramentas para a planificación, seguimento e rexistro.
  • Boas prácticas e recursos compartidos entre orientadores/as.

Guía do curso

Formulario de inscrición (31/07/2025: pechado)