Curso en liña: «Presente e futuro: claves da función docente»

40 horas

A profesión docente precisa coñecemento do sistema educativo e das condicións laborais que o sustentan. Este curso está deseñado para acompañarte nese proceso de aprendizaxe.

A través de catro módulos, abordarás temas que inclúen a comprensión dos conceptos clave do teu posto de traballo, as posibilidades de mobilidade para achegarte ao teu destino desexado, as condicións laborais e outros aspectos importantes para a túa carreira, como MUFACE, promoción interna e xubilación.

O curso, impartido na plataforma Moodle, combina contidos teóricos, materiais complementarios e actividades prácticas para que poidas aplicar o aprendido de maneira efectiva. Mediante exemplos reais, infografías e lexislación actualizada, obterás unha visión clara e detallada do sistema educativo no que vas traballar.

  • Lugar de celebración: Plataforma de teleformación de CCOO Ensino (Moodle).
  • 40 horas.
  • Datas de celebración: do 15 de setembro ao 19 de outubro de 2025.
  • Titoras: Patricia Pereira, Marta Prieto, Judit Puente-Dodd.
  • Custo: De balde.
  • Prazas: 150.
  • Prazo de matrícula: ata completar prazas.
  • Solicitada homologación á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Obxectivos

  • Proporcionar unha base sólida de coñecementos prácticos e normativos sobre o exercicio da función docente no ensino público.
  • Facilitar a comprensión e uso dos recursos institucionais e legais dispoñibles para o profesorado funcionario de carreira.
  • Favorecer unha aprendizaxe contextualizada e aplicable mediante a resolución de casos prácticos e a análise de situacións reais.

Contidos

  • O posto de traballo docente: xornada, asignación de grupos, catálogo de postos, cupos e acordos organizativos vixentes no ensino público.
  • Mobilidade no corpo docente: concurso xeral de traslados, destinos provisionais (CADP), comisións de servizos, permutas, supresións e desprazamentos.
  • Condicións laborais do funcionariado docente: retribucións, permisos, licenzas, excedencias, saúde laboral, itinerancias e dereitos derivados do posto.
  • Xestión administrativa da carreira profesional: MUFACE, compatibilidades, promoción interna, función directiva e modalidades de xubilación.
  • Formación permanente e desenvolvemento profesional: itinerarios formativos, recoñecemento da competencia dixital docente e actualización continua.
  • Aplicación práctica dos coñecementos adquiridos: resolución de casos reais e simulacións vinculadas á práctica docente e á xestión da carreira.
  • Uso autónomo da plataforma Moodle como contorno de aprendizaxe: navegación, descarga de materiais, participación en foros e entrega de actividades.

Guía do curso

Formulario de inscrición