CCOO participa nun novo acto de mediación no Servizo Interconfederal de Mediación e Arbitraxe (SIMA).
O 15 de febreiro participamos nun novo acto de mediación na sede do SIMA, xunta o resto das organizacións integrantes da Mesa Negociadora do Convenio, excepto a CIG, que non se presentou. Na reunión, que fora convocada para tentar achegar posturas entre as partes e atopar unha saída á situación de parálise en que se encontra a negociación, cada unha das organizacións presentes volveu expoñer as súas posturas e desavinzas a petición do mediador.
A reunión só serviu para transmitir todas as dificultades con que estamos batendo para chegarmos a acordos nalgúns temas fundamentais do convenio, como as revisións salariais e a retroactividade dos incrementos, a xornada de traballo, o complemento de incapacidade temporal ou a cláusula de inaplicación. Unha vez expostos os nosos argumentos e vistas as diferenzas de criterio por petición do mediador, todas as organizacións presentes aceptamos adiar a reunión e comprometémonos a trasladar propostas concretas en cada un destes temas para facilitar a seguinte reunión de mediación do vindeiro 6 de marzo.
Desde CCOO volvemos manifestar a nosa negativa a aceptar perdas de dereitos laborais das traballadoras deste sector tan precarizado ou eventuais intercambios por revisións salariais, a todas luces insuficientes.