O 12 de febreiro de 2024 tivo lugar a xuntanza da Comisión de Persoal Ordinaria de Funcionarios Públicos na que se trataron os seguintes puntos da orde do día:
Proposta de resolución da Dirección Xeral de Función Pública pola que se convoca concurso ordinario para a provisión de postos de traballos vacantes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia
O sentido do voto foi a ABSTENCIÓN. Aínda que este concurso sigue as liñas de outras convocatorias hai eivas que nos impiden emitir un voto favorable. Non eliminar a condición de ser nomeado coidador para poder beneficiarse do apartado de “Medidas de conciliación e de igualdade de xénero” ou as dúbidas que se nos formulan sobre o xeito de adxudicación de postos para o persoal que está en adscrición provisional marcaron o sentido do voto de CCOO. En calquera caso, seguiremos alegando ás prazas dos buzóns de postos.
Proposta de resolución da Dirección Xeral de Función Pública pola que se convoca concurso ordinario para a provisión de postos de traballos vacantes de corpos e escalas da administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia. Escalas de enxeñeiros, enxeñeiros técnicos, arquitectos, arquitectos técnicos e ciencias
O voto de CCOO é a ABSTENCIÓN, polos motivos citados no punto anterior, xa que as bases son as mesmas.
Modificación da Relación de postos de traballo da consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Desde CCOO, manifestamos a nosa oposición ás amortizacións de postos de traballo. Levamos anos reclamando unha negociación profunda da RPT do persoal non docente, aspirando a alcanzar un acordo que actualice as ratios e aborde outras cuestións relevantes. As ratios actuais, obsoletas e desaxustadas, que en certos casos remóntanse a 1994 non reflicten a realidade dos centros educativos de hoxe.
Por iso, mantémonos nas alegacións presentadas, solicitando, entre outras medidas, a apertura dunha Mesa de Negociación e a actualización constante da RPT.
Ademais, cabe destacar que a Consellería aceptou parte das nosas peticións de creación de novos postos de traballo. Sumado a isto, o compromiso asumido pola DXFP de iniciar, despois das eleccións autonómicas, unha negociación, dirixida a establecer un novo acordo para o persoal non docente en Educación é un paso positivo.
Tendo en conta o anterior, o noso voto foi ABSTENCIÓN.
Modificación da relación de postos de traballo referente ao proceso de funcionarización de postos de traballo de persoal laboral da Xunta de Galicia e clasificación no Corpo Superior da Administración xeral e no corpo Facultativo superior de Administración especial (subgrupo A1); no corpo de Xestión de Administración Xeral e no Corpo Facultativo de grao medio da Administración Especial (subgrupo A2) e na Agrupación Profesional de persoal funcionario (grupo AP) da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia
O voto de CCOO é A FAVOR. Trátase da quinta RPT de funcionarización e, como en todas as anteriores, respéctase o criterio de que as retribucións como funcionario non poden ser en ningún caso inferiores ás percibidas como laboral. Dos 347 postos afectados só tres veñen con complemento de funcionarización para asegurar as mesmas retribucións que tiñan como laborais e no resto hai incrementos netos en cómputo anual para todos os postos. E por suposto, queda garantido que todos os trienios perfeccionados como laboral seguirán cobrándose na mesma contía e o primeiro que se perfeccione xa na condición de persoal funcionario será na opción máis beneficiosa para o traballador.
Proposta de Acordo do persoal funcionario do SPIF
O voto de CCOO foi A FAVOR xa que o Acordo compre as premisas fundamentais que se marcou a nosa organización ao comezo desta negociación:
- Ámbito de aplicación: a todo o colectivo (persoal funcionario e laboral)
- Xornada de traballo de 10 horas en días alternos (respectando dous días naturais de descanso semanal, a libranza da metade dos domingos e festivos)
- Eliminación das prolongacións de xornada agás para o caso de incendios de nivel 2
- Unha compensación económica por todos os domingos e festivos traballados.
- Xornada máxima anual de 1550 horas en lugar das 1665 actuais.
Proposta de modificación das relacións de postos de traballo da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, de prazas de persoal laboral obxecto de funcionarización, de conformidade coa Lei 2/205, do Emprego Público de Galicia
Neste caso a modificación é para permitir que o persoal que vaia aos procesos de estabilización e funcionarización a través da modalidade da promoción específica do persoal laboral poida tomar posesión xa como persoal funcionario. E todo coas mesmas garantías retributivas que no caso anterior. Por iso o sentido do noso voto foi A FAVOR.
Rogos e preguntas
- Días 24 e 31 de decembro
O DXFP informa de que se procederá á modificación do apartado 4º da instrución 14ª (permiso por asuntos particulares) da Resolución do 24 de febreiro de 2016 da Dirección Xeral de Función Pública, pola que se ditan instrucións sobre o réxime de vacacións, permisos e licenzas no seguinte sentido:
Os días 24 e 31 de decembro permanecerán pechadas as oficinas públicas, agás os servizos de Rexistro Xeral e Información. Cando nas citadas oficinas os días 24 e 31 coincidan en sábado ou domingo, terase dereito a dous días adicionais de asuntos particulares. Non obstante, o persoal que traballe os días 24 e 31 de decembro poderá gozar dun día adicional de asuntos particulares por cada día traballado.
Deste xeito este dereito estendese a todo persoal independentemente da tipoloxía de centro no que traballe e enténdese referido con carácter xeral a todos os empregados públicos.
Aboamento do 0,5% correspondente ao ano 2023 como consecuencia dos Acordos asinados por CCOO e UGT
A información é que “aboarase o antes posible” en nómina.
Elección destino proceso de Montes e Forestais
Desde CCOO volvemos insistir na necesidade de enviar o buzón de postos para a elección de destino. A resposta foi que están valorando e estudando as prazas que quedan para poder ofertar.