Concentración este domingo en Santiago polo futuro do galego: “Mudemos de rumbo”

Este domingo, 17 de novembro, ás 12:00, concentrámonos en Santiago de Compostela, na Praza da Quintana, para reclamar un futuro digno para o galego. Convocamos a todas e todos a que vos sumedes a esta mobilización organizada pola plataforma Queremos Galego, baixo o lema “Mudemos de rumbo. Polo futuro do galego”.

Despois de anos de retrocesos e exclusións do noso idioma en ámbitos fundamentais como o ensino, a Administración e os medios de comunicación, chegou o momento de esixir accións claras e contundentes para garantir o dereito de vivir en galego. Reverter esta situación é posible co compromiso da sociedade e das institucións.

O acto rematará coa actuación das Tanxugueiras, que porán o peche festivo a unha mañá de reivindicación e unidade.

Novos datos poñen en evidencia o estado de emerxencia lingüística do galego con niveis de descoñecemento e emprego inéditos na historia da lingua. Son o resultado do predominio e da hexemonía do castelán intensificada nos últimos 15 anos co aumento da exclusión do idioma propio de Galiza da oferta en todos os ámbitos, nomeadamente no ensino, mais tamén no lecer infantil e xuvenil, administración, xustiza, televisión e audiovisual ou nas actividades comerciais e económicas. Así o vimos denunciando de hai anos. A mobilización social polo idioma de Galiza logrou que do Consello de Europa ou a ONU dirixisen advertencias á Xunta de Galiza que haberá de mudar a actitude sobre o galego.

Reverter esta situación é posíbel co compromiso de todas e todos, comezando polas institucións galegas e os colectivos sociais. Cómpre, en primeiro lugar, asegurar o dereito de uso do galego e o deber de correspondelo con presenza e disposición como indicaba o Plan xeral de normalización da lingua galega (PXNLG) que a pesar do desleixo da Xunta e de non se ter posto en práctica nos último 15 anos, mantén obxectivos plenamente vixentes. O PXNLG, como grande acordo nacional pola lingua, debe ser reactivado como punto de partida dunha nova política a favor do noso idioma e da súa normalización.

Puntos mínimos

A Plataforma Queremos Galego anima a toda sociedade galega, entidades sociais de todo tipo e persoas a título individual a mobilizarse para un novo rumbo para a lingua cos seguintes puntos mínimos:

  1. Vixencia dos obxectivos do Plan Xeral de Normalización da Lingua aprobado por unanimidade en 2004.
  2. Elaboración por parte da Xunta de Galiza, Estado e entidades locais, coa participación de entidades sociais, dun calendario de acción 2024-2027 para a aplicación e actualización de todas as medidas deste Plan, cos recursos necesarios (humanos, técnicos, económicos…) para levalo a cabo.
  3. Este calendario contemplará a avaliación dos resultados das medidas unha vez aplicadas e as correccións que foren precisas.

Medidas urxentes

Ensino
  • Derrogación do decreto 79/2010.
  • Aprobación dun novo decreto que asegure os máximos niveis de docencia en galego en todas as etapas educativas.
  • Garantía inmediata de oferta de materiais didácticos en todas as etapas do ensino.
Actividades comerciais e económicas
  • Asegurar o pleno dereito de uso do galego, coa atención e a oferta correspondente, en todo tipo de servizos.
Cultura e lecer
  • Recuperar o papel normalizador da TVG, con ampla oferta para o público infantil e xuvenil adaptada a todos os dispositivos e potenciación da artes escénicas e musicais en galego e produción en galego.
  • Accións para que se cumpran os mínimos legais de presenza de galego na oferta radiofónica e audiovisual e se aumenten as cotas de dobraxe, lexendaxe, e financiamento anticipado de produción independente.
  • Afortalar o sistema literario e editorial.
  • Uso do galego en actividades deportivas, de tempo libre e extraescolares.
Administración, servizos públicos, sanidade e xustiza
  • Oferta positiva en galego en todos os servizos da administración pública, for autonómica, estatal ou municipal e incluíndo servizos privatizados dependentes da administración pública.
  • Disposición de galego en programas informáticos, información, formularios, impresos e na atención en todas as súas formas.
  • Coñecemento de galego por todas as persoas traballadoras públicas.

Non faltes! Este domingo, 17 de novembro, ás 12:00 na Praza da Quintana.