CCOO esixiu que todos os temas esenciais para o profesorado estean nos grupos de traballo que se van constituír: grupo A1 e suba de nivel, mellora dos horarios, ratios, xubilación, benestar do profesorado, ingreso e acceso, e todo o resto das melloras en condicións laborais.
Héctor Adsuar – Secretario de Pública Non Universitaria da Federación de Enseñanza de CCOO
Na Mesa Sectorial de hoxe tratouse tamén o borrador do novo RD de Inspección Educativa, que xa pasou polo Consello Escolar do Estado, e o sindicato volveu a expor as achegas que xa presentou.
En relación coa importante negociación que agora se inicia sobre as condicións do profesorado, CCOO manifestou que xa era hora de que comezasen despois de que houbese que presionar longo tempo e presentar máis de 100.000 sinaturas á ministra (recollidas en liña na web https://salariodecente.ccoo.es/gal/). É unha boa nova que por fin comece o proceso, pero deixamos claro que non imos aceptar que perdamos o tempo e que se dilaten as cuestións principais falando só de cuestións teóricas ou académicas, sen conseguir obxectivos que melloren claramente as condicións de traballo e de recoñecemento do profesorado. As e os docentes están nunha situación de sobrecarga que é absolutamente urxente solucionar para mellorar tamén o sistema educativo.
CCOO puxo moita énfase en que o procedemento de traballo sexa eficaz e áxil, pois é imprescindible e urxente negociar e empezar a aplicar melloras desde xa.
O Ministerio manifestou a súa boa vontade e que todos os temas estarán na negociación, pois teñen a intención de entrar en todos os elementos que inflúen na profesión docente, e que a súa ambición é que o proceso culmine nun Estatuto Docente, aínda que podería publicarse antes normativa parcial.
Con todas as achegas da reunión de hoxe, pecharase a estrutura dos grupos de traballo e o Ministerio comprométese a enviar un primeiro calendario que se iniciará a finais de xaneiro ou principios de febreiro.
Manterémosvos puntualmente informadas e informados.