Estamos traballando con Función Pública para que o persoal laboral e funcionario poida acceder xa ás xubilacións parciais
En decembro de 2024, CCOO, UGT e o Ministerio de Función Pública asinamos un acordo que devolve ao persoal funcionario o dereito á xubilación parcial anticipada, dereito que se eliminou do Estatuto Básico do Empregado Público cos recortes que practicou o Goberno de Rajoy en 2012. Un acordo que equipara a este colectivo co persoal laboral, que xa gozaba deste dereito.
Cambios na normativa de xubilacións parciais
Por outro lado, a partir do 1 de abril deste ano, entre os cambios lexislativos que houbo na normativa de xubilacións parciais, establécese que a persoa xubilada parcial sexa substituída por unha remudista, a tempo completo, que adquira a condición de persoal laboral fixo ou de funcionario de carreira, cando ata o de agora ese contrato podía ser temporal.
Atraso na implementación
Tanto a entrada en vigor da xubilación parcial para funcionarios/as, que estaba prevista para este mes de outubro, e a necesidade de adaptar a normativa para o persoal laboral, fan necesario convocar procesos selectivos específicos para que a persoa remudista poida acceder á condición de persoal funcionario de carreira ou laboral fixo, respectivamente, cumprindo cos principios de acceso ao emprego público e contar con prazas de oferta de emprego público para isto.
Propostas de CCOO para as xubilacións parciais
Para o anterior, desde a Área Pública de CCOO estamos traballando co Ministerio de Función Pública para que o persoal laboral e funcionario poida acceder xa á xubilación parcial, para dar saída ás solicitudes xa presentadas e ás futuras. Propúxemos:
- Taxa de reposición adicional e específica: a principal esixencia de CCOO, e que foi obxecto de acordo preliminar co Goberno, é a creación dunha taxa de reposición extraordinaria e específica destinada exclusivamente a cubrir as prazas dos traballadores e traballadoras que se acollen á xubilación parcial.
- Moratoria na aplicación da nova normativa: CCOO solicitamos unha moratoria na entrada en vigor dos novos requisitos do contrato de remuda para o persoal das Administracións públicas. Esta medida transitoria permitiría dar saída ás solicitudes de xubilación parcial acumuladas ata que se desenvolvan e executen as ofertas de emprego público vinculadas á nova taxa de reposición.
- Tamén, para que o persoal poida acceder xa á xubilación parcial, establecer transitoriamente a posible cobertura do contrato de remuda con persoal temporal ou interino mentres se resolve o proceso específico para cubrila con persoal laboral fixo ou funcionario de carreira.
- Modificacións lexislativas: para CCOO, unha solución duradeira depende ineludiblemente de modificar normativas clave como o Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP) e a Lei xeral da Seguridade Social. O obxectivo é adaptar a regulación da xubilación parcial ás particularidades do emprego público, garantindo que o acceso a esta modalidade de retiro sexa un dereito efectivo e non unha mera declaración de intencións.
En resumo, as propostas e esixencias de CCOO pasan por unha dobre vía: dun lado, a adopción de medidas de choque e transitorias que desbloqueen a situación a curto prazo; doutro, a implementación de reformas lexislativas profundas que consoliden a xubilación parcial como un dereito real e accesible para todos os empregados e empregadas públicos, garantindo ao mesmo tempo o rexuvenecemento do persoal e a calidade dos servizos á cidadanía.
Accións de presión
CCOO estamos realizando accións de presión mediáticas, institucionais e, por suposto, mobilizacións na rúa, para esixir solucións inmediatas á situación actual. Non desbotamos a folga xeral en decembro, se o Goberno non nos dá unha resposta satisfactoria ás nosas demandas.
