Tanto CCOO como FeSP-UGT consideran que os ERTE están a ser útiles e necesarios no contexto sociolaboral actual para o mantemento do emprego e das actividades profesionais ata que finalice esta pandemia sanitaria. Con todo, existen límites á súa realización que deben ser tidos en conta. A Real Decreto-lei 8/2020, do 17 de marzo, no seu artigo 34, establece medidas para evitar os efectos negativos sobre o emprego e a viabilidade empresarial por causas do Covid-19, impedindo a resolución de contratos públicos por parte das entidades que integran o sector público e prevendo un réxime específico de suspensión.
O precepto refírese á suspensión dos contratos entre a Administración e as empresas que dan o servizo, pero non á suspensión dos contratos dos e das traballadoras, debido a que establece que a entidade adxudicadora deberá abonar ao contratista os danos e prexuízos sufridos por este durante o período de suspensión, sendo un destes danos indemnizables os gastos salariais que efectivamente abonase o contratista ao persoal que figurase adscrito con data de 14 de marzo de 2020 ata a execución ordinaria do contrato, durante o tempo de suspensión.
Por iso, os sindicatos consideran que non se deberían acoller ao ERTE aquelas empresas dependentes da Administración ou organismos públicos de tal forma que puidesen, nun pasado moi recente, eximirse de pagar salarios e cotas de seguridade social e nun futuro recibir indemnizacións para os mesmos conceptos.
CCOO seguirá defendendo os ERTE que se realizaron correctamente pero, da mesma maneira, poñerán todos os recursos xurídicos ao seu alcance para revisar aqueles que poidan ser susceptibles de non realizarse de maneira adecuada.

