CCOO esixe ao Ministerio de Educación un plan de emprego para asumir a redución de ratios de fronte ao novo curso

A Federación de Ensino de CCOO considera que a proposta do Ministerio de Educación e Formación Profesional de establecer unha cociente de 15 alumnos/unidade para o próximo curso escolar ten que ir necesariamente acompañada dun plan de emprego.

No curso 2018-2019, último ano do que se dispoñen datos actualizados do ensino concertado, o 2º ciclo de Educación Infantil presentou unha ratio media no conxunto do Estado de 23 alumnos/as por unidade, un 53,3% superior á proposta ministerial; en Primaria foi de 24,8, un 65,3% máis; en Secundaria Obrigatoria situouse en 26,7, un 79% máis; en Bacharelato ascendeu ata os 29,6, o que supón un 97,3% por enriba dos 15 de referencia; e, mentres nos ciclos formativos de Grao Medio representaba unha media de 20,7 alumnos/as por grupo, é dicir, un 38% superior, nos ciclos formativos de Grao Superior, era de 23,1, un 54% máis. 

 Cos datos anteriores, en base ás ratios de plantillas e coñecendo o número de unidades concertadas do curso pasado, case 80.000 no conxunto do Estado, o incremento de docentes e persoal complementario necesario para garantir unha mellor atención educativa tras un curso no que se tivo que interromper a actividade lectiva presencial, e para poder cumprir coas recomendacións sanitarias de distanciamento social, esixiría dunha revisión orzamentaria das partidas destinadas á contratación de novo persoal de fronte ao novo curso. 

O profesorado, así como o persoal complementario e de administración e servizos, representa a peza fundamental do sistema educativo na actual situación de crise sanitaria. En ningún momento deixouse de levar a cabo o labor docente, así como doutra índole, realizándose nestas complicadas circunstancias un esforzo extraordinario, en moitos casos, nas condicións non máis adecuadas, que permitiu que os procesos de ensino e aprendizaxe continúen. 

A recuperación da actividade educativa presencial debe dar respostas ás medidas de distanciamento social que necesariamente se terán que levar a cabo nas aulas, sen que isto repercuta negativamente nas condicións laborais do profesorado e do resto de persoal. 

Por todo iso, a Federación de Ensino de CCOO propoñerá na próxima Mesa Estatal do Ensino Concertado un Pacto Estatal pola Ocupación que permita unha maior provisión de recursos humanos aos centros, así como a estabilidade laboral no sector. Resulta especialmente importante, nestes momentos de impredicibles consecuencias económicas e sociais, velar polo mantemento do emprego, reforzando as plantillas para o inicio do próximo curso escolar para atender as novas demandas sanitarias e garantir os postos de traballo debido ao previsible transvasamento de alumnado á rede pública como consecuencia das repercusións económicas orixinadas pola pandemia.