Reunión da Mesa Negociadora do 29 de outubro
A mediados de 2021, CCOO asinaba o VII Convenio Colectivo porque se introducían algunhas das propostas que formulabamos na nosa plataforma reivindicativa, que permitiron establecer un marco laboral máis estable e impregnaron o novo texto dun carácter moito máis social.
Así mesmo, todas as organizacións asinantes adquiriron o compromiso de crear comisións de traballo nas que se abordasen, a partir daquel momento, cuestións tan importantes como a xornada do persoal docente, a clasificación profesional, a desconexión dixital ou o traballo a distancia, entre outras. CCOO pretendía acometer todo aquilo que quedara pendente durante a negociación, coa intención de incorporar ao novo convenio as reivindicacións históricas do sector.
Pero a inacción dos sindicatos maioritarios (FSIE e USO) e das organizacións patronais nestes tres últimos anos impediu avanzar na mellora das condicións laborais. Por se non abondase, agora acordan prorrogar a vixencia do actual convenio, xunto con UGT, a cambio de negociar nun futuro (non se sabe cando) as táboas salariais de 2024 e a revisión das de 2023 para o persoal de administración e servizos, o persoal complementario e o persoal en pagamento directo. Algo que se presupón deberían estar facendo xa, convérteno en moeda de cambio ao aceptar a prórroga do convenio para que todo siga igual e nada cambie. Tal e como desexaban as patronais.
CCOO segue a esixir para eses tres colectivos o 1 % que o persoal en pagamento delegado xa percibiu. O Acordo Marco para unha Administración do Século XXI, asinado por CCOO en outubro de 2022, recolle para 2023 dúas subas salariais complementarias do 0,5 % cada unha con carácter retroactivo ao 1 de xaneiro de 2023.
A primeira, ligada á inflación, confirmouse a mediados de 2023 e fíxose efectiva para o persoal docente en pagamento delegado na práctica totalidade das comunidades autónomas, o mesmo que a segunda, ligada ao crecemento económico, que se corroborou a principios de 2024.
Neste sentido, CCOO esixiu en numerosas ocasiones que ese 1 % adicional tamén se fixese extensible ao resto das persoas traballadoras coa revisión das táboas salariais asinadas para 2023. Tras a reunión da Mesa Negociadora, púxose de manifesto que esas persoas non lles interesan ao resto das organizacións sindicais. Mentres que CCOO defendeu o asinamento das táboas salariais na súa globalidade, para 2023 e 2024, os outros sindicatos decidiron asinar só a parte do persoal en pagamento delegado de 2023. Outro parche máis.
Por outro lado, que pasa coa xornada de traballo, coa desconexión dixital, co traballo a distancia ou cos salarios que quedan por debaixo do SMI, entre outras cuestións? Son conscientes do que realmente sucede nos centros de traballo, con xornadas maratonianas, sen opción para o persoal docente a desconectar fóra da xornada laboral, sen horas non lectivas definidas de antemán na maioría dos centros, con infinidade de irregularidades que se cometen coa xornada lectiva por falta de regulación no convenio ou coa absorción dos trienios a moitas persoas traballadoras para poder chegar ao SMI?
A xornada do persoal docente segue sendo a mesma desde hai xa algunhas décadas. Que fixeron os sindicatos maioritarios, FSIE e USO, ao respecto? Nada, absolutamente nada.
No momento en que deciden prorrogar o VII Convenio Colectivo para non ter que negociar, todo volve caer no esquecemento. Outro ano perdido.