Esta reclamación prodúcese logo da confirmación de que as empregadas e empregados públicos cobrarán o 0,5 % adicional de 2024 comprometido no acordo con CCOO e UGT.
A área Pública de CCOO e UGT Servizos Públicos valoran que se faga efectiva a suba salarial pendente do 0,5 % adicional para o ano 2024 comprometida no Acordo Marco para unha Administración do Século XXI e instan o Goberno a iniciar a negociación dun novo pacto: un acordo que avance en áreas esenciais como emprego, dereitos e retribucións para mellorar as condicións laborais das empregadas e os empregados públicos e o servizo que se presta á cidadanía.
O aumento do 0,5 % adicional e consolidable será efectivo unha vez quede publicado no BOE o inminente acordo do Consello de Ministros. Este incremento é aplicable ás retribucións vixentes a 31 de decembro de 2023 e culmina os compromisos salariais do acordo actual. O aumento salarial adicional do 0,5 % para 2024 estaba condicionado ao cumprimento dun requisito macroeconómico: que a variación acumulada do IPC harmonizado entre 2022 e 2024, superase o incremento retributivo fixo dese período (8%). O requisito cumpriuse e, unha vez salvada a referida publicación no BOE, o aumento retributivo deberíase levar a cabo o máis axiña posible por parte das distintas Administracións Públicas.
Con este último incremento, o acordo asinado por UGT e CCOO sitúa a suba salarial para os empregados e empregadas públicas entre 2022 e 2024 na contorna do 10% (tendo en conta só as subas negociadas a nivel estatal, que son maiores se temos en conta tamén as negociadas a nivel autonómico). Ademais, tamén fixo realidade a recuperación e mellora de dereitos laborais e modernizou e avanzou en ámbitos como o emprego público, a xornada laboral, a incapacidade laboral e a xubilación parcial anticipada para as e os funcionarios.
Un compromiso co servizo público e os seus empregados e empregadas:
Ambos os sindicatos consideran que os resultados deste acordo reforzan o papel da negociación colectiva na Función Pública, sendo urxente culminar a clasificación profesional das persoas traballadoras nas distintas administracións. Por todo iso, e pola estabilidade que supón chegar a acordos para o bo funcionamento da Administración, ambos os sindicatos instan o Goberno a iniciar de inmediato a negociación dun novo pacto que permita seguir avanzando na modernización da Administración a través dos piares fundamentais para as e os empregados públicos, como son o emprego, os dereitos e as retribucións. Este futuro acordo debe garantir non só mellores condicións laborais para as empregadas e os empregados públicos, senón tamén unha Función Pública que responda ás necesidades da cidadanía.
CCOO e UGT subliñan a importancia de alcanzar acordos que garantan servizos públicos de calidade nun contexto político e social complexo.