Publicada no taboleiro da Sede Electrónica da USC a convocatoria para o encadramento e acceso á totalidade dos graos da Carreira Horizontal

Paso decisivo na mellora das condicións retributivas do PAS da USC  

O taboleiro electrónico da USC vén de publicar no día de onte a Resolución reitoral pola que se convoca o Proceso extraordinario de encadramento e acceso aos graos da carreira profesional horizontal no ámbito do PTXAS da USC. Trátase da posta en marcha do acordo asinado en decembro por CC.OO e que vén a significar un avance decisivo na mellora das condicións laborais, con unha importante repercusión económica nos salarios consolidados da plantilla do PAS da USC dende agora e para os próximos anos.

Como xa dixemos en decembro, cando demos conta da sinatura do acordo, se o recoñecemento do grao I en 2022 foi un fito moi importante na mellora das nosas retribucións, polo que xa estamos cobrando anualmente entre 1.063 e 2.775 € anuais, o recoñecemento dos restantes graos que se levará agora a cabo a partir desta convocatoria, vén a ser un paso definitivo. 

Os membros da sección sindical de CC.OO sentímonos pois contentos e satisfeitos do resultado do traballo; e da perseveranza empregada na negociación da carreira horizontal, polos nosos delegados e delegadas, que nos permite demostrar a utilidade do traballo sindical e das nosas propostas en defensa dos intereses do conxunto do cadro de persoal. 

Só como resultado dese traballo de CC.OO da USC é posible explicar que sexamos a primeira, e polo momento única, universidade galega (moi poucas a nivel estatal) na que se implantan as retribucións por carreira horizontal para o PAS. 

Recordamos os aspectos esenciais a ter en conta de cara a esta convocatoria:

  • Este novo proceso de recoñecemento substitúe ao grao I xa recoñecido anteriormente. Polo que todas as persoas con máis de 5 anos de antigüidade na USC deberán tramitar a súa solicitude nesta convocatoria, para o que se abre un prazo de 10 días hábiles contados a partir de hoxe.
  • Todas as persoas que cumpran os requisitos de antigüidade e formación establecidos no acordo poderán acceder aos graos da carreira que lle correspondan, segundo a súa antigüidadena USC. Deste xeito, quen teña máis de 24 anos de antigüidade na USC poderá acceder directamente ao grao IV da carreira horizontal. Con máis de 17 anos de antigüidade poderase acceder ao grao III, con 11 ao grao II e con cinco anos ao grao I.
  • Non será preciso achegar a documentación que acredite este cumprimento dos requisitos (que figuran no anexo I do acordo) no suposto de que xa se atope en poder da USC ou fose elaborada por esta. 
  • A vixencia do acordo producirase coa súa publicación no DOG, pero os seus efectos económicos empezarán a aplicarse dende 1 de xaneiro de 2025.
  • Con esa data de 1 de xaneiro de 2025, todas as persoas percibiran como mínimo o 40% que lle corresponda pola súa carreira. As persoas que teñan só o grao I continuarán percibindo o 100% da súa carreira. As que acaden só o grao II, manteranse de momento no 50% da carreira, cobrando o que xa tiñan recoñecido.
  • No mes de setembro abrirase a negociación do segundo tramo,tamén para 2025, para dar cumprimento aos obxectivos recentemente acordados nas liñas do orzamento de 2025 e avanzar nesas porcentaxes da carreira horizontal. Con ese mesmo fin, tamén en setembro, abordarase a negociación do avance na retribución para a anualidade 2026.
  • A solicitude de recoñecemento deberá iniciarse a través do seguinte modelo normalizado: https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/Xerencia_CarreiraHorizontal_2025.htm
  • Os complementos retributivos, de cada un dos graos recoñecidos agora, terán os mesmos importes que na administración autonómica; ou os que xa se están percibindo na USC para o grao I dende 2023. É dicir, ao acadarse o 100% da carreira, quen teña 2, 3 ou 4 graos poderá multiplicar eses importes polo número de graos recoñecidos que lle correspondan. 

Sección sindical de CC.OO, o poder de cambiar as cousas

 

Logo CCOO USC

Avenida das Ciencias s/n
Locais Sindicais da USC
Campus Sur
Santiago de Compostela

CCOO da USC, o teu sindicato, a mellor garantía