CCOO-Ensino esixe ás administracións que se manteñan os orzamentos aos plans de prevención da enfermidade.

DIA MUNDIAL CONTRA A SIDA

O Día 1 de Decembro esta declarado pola ONU como Día Mundial da Loita contra a Sida, é un día crucial para lembrar e dar a coñecer a pandemia originada pola extensión desta infección. Desde o primeiro diagnóstico no ano 1981, producironse máis  de 25 millóns de mortes relacionadas coa enfermidade e neste momento no noso pais son aproximadamente máis de 15000 persoas as que conviven coa enfermidade.

A reducion polo goberno do PP de máis dun 75% das axudas aos programas que se desenvolven no eido da prevención do VIH vai a conlevar consecuencias sociais e sanitarias que suponen un paso atrás nos logros conseguidos na redución e control da enfermidade.

Non debemos esquecer que unha das medidas máis importantes de prevención , é o coñecemento e a información sobre a enfermidade, no noso país estan a repuntar os casos por transmisión por vía sexual , dado que cos tratamentos existentes a infección esta adquirindo o carácter de enfermidade crónica e en certo modo as novas xerazóns estan perdendo o medo á mesma, co que resultan de vital importancia as campañas de información e sensibilización da sociedade con esta enfermidade, especialmente na adolescencia e xuventude.

Outro dos efectos da infección por VIH é a estigmatización do que a padece, que en moitos casos, e dependendo do seu estrato social, pode chegar a significar a morte social do individuo. Neste momento, nalgúns lugares do noso país estanse a implantar normativas que impiden o acceso aos infectados por VIH a determinados postos de traballo, o que favorece a súa exclusión social, o ocultamento da enfermidade por parte dos que a padecen, e o impedimento para unha detección precoz  da mesma en moitos casos.

Non podemos esquecer que a desaparición do Sistema Universal de Saúde, aprobado polo goberno do PP, vai a traer graves consecuencias na saúde individual e colectiva da sociedade do noso país. A dificultade de acceso ao tratamento, vai levar implicito un deterioro da saude comunitaria e unha falta de control sanitario que xenerará  un serio problema de saúde pública.

As políticas de recorte económico non xustificarán nunca, nin poderán compensar os pasos atrás na resposta ao VIH no noso país; a prevención sempre será máis rentable que o tratamento posterior de calquera enfermidade, e o aforro non será o tal  se repunta o número de infeccións no noso país.

A Federación de Ensino de CCOO de Galicia esixe ás administracións  para que se manteñan os orzamentos aos plans de prevención da enfermidade e reitera a necesidade de que as políticas que dan desposta a esta infección teñan un carácter integrador e global, que contemplen as conexións existentes entre o estigma, a prevención e o diagnostico temperá da infección, así como un compromiso de camiñar cara un mundo con cero novas infeccións, cero discriminacións e cero mortes por VIH.