CCOO insta a Xunta a constituír unha mesa xeral de negociación e a elaborar un calendario para negociar os orzamentos

1-12-2016.- A Xunta de Galicia, repetindo o «intolerable» comportamento do pasado ano, convocou, do martes para hoxe, xoves, ás 13 horas, as organización sindicais. Supostamente, os sindicatos acudían a unha mesa xeral de negociación dos orzamentos para o ano 2017. Con todo, CCOO denuncia que se tratou dunha «farsa», porque a xuntanza transcorreu sen que se presentara documentación ningunha e sabéndose que para mañá venres está convocado o Consello da Xunta, onde está previsto aprobar o anteproxecto de orzamentos autonómicos. Por esta razón, os sindicatos abandonaron a reunión antes do seu remate.

Para CCOO, este xeito de actuar é unha «falta de respecto» do PP cara as empregadas e empregados públicos e a súa representación legal. O sindicato critica que convocar a mesa con tanta premura, sen achegar documentación ningunha e, ademais, furtándolle á mesa as condicións necesarias para que fose realmente de negociación —a decisión estaba tomada de antemán coa propia convocatoria do Consello da Xunta para mañá venres—, converteron a xuntanza de hoxe nun «subterfuxio» para cumprir cun trámite legal. Por esta razón, Comisións valora cos seus servizos xurídicos denunciar xudicialmente a situación, por entender que non se respectou a legalidade da convocatoria.

Mentres durou a reunión, CCOO trasladou as súas reivindicacións e matizou cales serían os mínimos para poder chegar a algún tipo de acordo. Entre outras cuestións, o sindicato esixiu que se estableza un calendario de negociacións «nunha verdadeira mesa xeral». Nela, deberanse concretar os prazos para reverter os recortes dos últimos anos, así como a recuperación do 5 % do salario do 2012, recuperación do complemento específico nas dúas pagas extras do 2017 —e as cantidades deixadas de percibir neste concepto no período 2013-2016—, e recuperación da perda acumulada de poder adquisitivo desde o 2010 —sen obviar os incrementos derivados do IPC anual.

En materia de emprego, Comisións instou a eliminar a taxa de reposición de efectivos, a negociar unha «auténtica» oferta de emprego público para o 2017 que cubra «todas as prazas» de persoal funcionario e laboral ocupadas interinamente, así como elaborar un plan de recuperación do emprego público perdido nos últimos seis anos. Por último, o sindicato pediu a recuperación do fondo acción social —recuperación de todas as axudas, cunha dotación mínima do 1 % da masa salarial do Capítulo I para o ano 2017—; derrogación da Lei 1/2012, de 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia —publicada no DOG do 2 de marzo dese ano— e a recuperación de todos os artigos suspendidos do convenio único do persoal laboral da Xunta de Galicia.

Desde CCOO aseguran que loitarán «sen descanso» pola restitución de todos os dereitos arrebatados e advirten que non ficarán «impasibles» diante da actitude da Xunta, que «porfía na revenda de peixe podre» en que se están a converter os sucesivos anuncios —sempre nos medios de comunicación e non directamente á representación legal do persoal— que afectan ás empregadas e empregados públicos.