A análise comparativa realizada por CCOO Ensino entre a oferta educativa de FP deste curso e para o vindeiro 23/24 permite extraer unha serie de interesantes conclusións.
Consulta tamén os documentos sobre os que se soporta a análise realizada:
Oferta eliminada mantendo o ciclo noutra(s) modalidade(s) xa existente(s) no centro
Nova oferta dun ciclo que existía no centro pero noutro réxime ou modalidade
Nova oferta dun ciclo que non existía no centro no curso 2022-2023
O despropósito xeralizado coa elaboración e presentación aos centros da oferta educativa de FP para o vindeiro curso 23/24 por parte da Consellería de Educación chegaba ao seu cumio a finais da semana pasada. A menos de 12 días para o inicio do período ordinario de admisión de alumnado, moitos equipos directivos eran notificados da perda de numerosos ciclos en réxime modular e modalidade presencial. Unha opción esta moi demandada por persoas como alternativa á falta de prazas no réxime ordinario presencial ou para poder formarse, pouco a pouco, en función da dispoñibilidade horaria de quen traballa ou debe conciliar coa familia.
En moitos centros remataba desta maneira un proceso de moitas semanas de negociación dos equipos directivos coa Consellería e co servizo de Inspección, sen que se tiveran en conta as necesidades reais indicadas por quen está máis preto do alumnado no día a día. As múltiples manifestación do profesorado ás portas dos centros de FP máis perxudicados, as campañas de recollida de sinaturas a través da web e as protestas dos sindicatos en redes sociais e nos medios de comunicación en xeral foron a resposta a esta incoherencia.
O pasado xoves 15 de xuño, CCOO Ensino arrincou da Consellería a convocatoria do Consello Galego de FP para tratar esta oferta educativa de FP para o vindeiro curso. Algo que, por certo, xa debera ter sido o camiño lóxico para a mesma. É dicir, ter pasado tanto polo Consello Galego de FP como pola Mesa Sectorial Docente Non Universitaria polo impacto que estas decisións poden ter no cadro de persoal docente e, por último, ter sido comunicada aos centros, unha vez atendidas as súas necesidades.
Durante a fin de semana, a aparición de novas nos medios de comunicación eloxiando a proposta educativa trasladada pola Consellería aos centros foi constante. Nelas fálase dun incremento global de prazas dun 12%, subindo un 55% nos cursos de especialización e mesmo chegando a un 74% de incremento nas prazas de formación a distancia. Datos moi interesantes tendo en conta que o curso 23/24 remata xusto coas eleccións autonómicas de Galicia.
Desde CCOO Ensino realizamos unha completa análise comparativa entre a oferta educativa do presente curso e a remitida ao Consello Galego de FP para o 23/24. Oferta que, por certo, non coincide ao cento por cento co que se enviou a semana pasada a algún centro. Compartimos esta análise coa Comunidade Educativa para que cadaquén saque as súas propias conclusións.
As que obtemos desde CCOO Ensino e que marcarán a nosa intervención no Consello Galego de FP son as seguintes:
- Non podemos contrastar as cifras de incremento de prazas aparecidas nos medios posto que en ningún momento a Consellería facilitou datos ao respecto.
- É certo que hai un notable incremento na oferta de FP dual, agora haberá que ver o resultado da mesma e como se chega a desenvolver en zonas con escasa implantación industrial e de servizos onde poder realizar a parte de formación nas empresas.
- As posibilidades de formarse presencialmente redúcense moito para aquelas persoas que estean traballando ou non poidan asistir ás clases en horario de mañá; tamén para quen non conte con coñecementos informáticos, equipamentos axeitados ou conexións aceptables. Isto, sen dúbida, penaliza a Galicia rural que logo tanto se defende en mitins políticos.
- Pola información contrastada cos centros, de forma xeral non hai un desexo de perder formación modular en modalidade presencial en favor da formación a distancia. A diferenza no número máximo de personas por grupo (35 e 50 respectivamente) entre estas modalidades fai que o incremento dun 42% de prazas sexa real e a custo cero. Pero… en que mellora a calidade da formación a distancia recibida polo alumnado fronte á formación presencial?
- Cando se esixe unha maior dotación de persoal, por múltiples e xustificados motivos, a resposta da Consellería é a de recortar profesorado a expensas de contar cunha educación de peor calidade. A opción da formación semipresencial debería ser complementaria da oferta presencial e estar reservada unicamente a casos excepcionais ou a ensinanzas moi concretas.
- Os cambios de formación presencial á modalidade a distancia que nos notificaron algúns centros carecen de todo sentido. Abranguen familias profesionais tan dispares como Informática e Comunicacións ou Servizos socioculturais e á comunidade.
- É destacable a gran cantidade de ciclos con alumnado feminizado que se ven afectados por este traslado da oferta modular presencial á formación a distancia. Sirvan de exemplo titulacións como “Educación infantil”, “Integración social” ou “Promoción de igualdade de xénero”. Neste tipo de formacións a importancia da modalidade é vital polo tipo de traballo que o alumnado terá que realizar nun futuro.
- A aposta da Consellería pola privatización do ensino queda clara por feitos como este, que obrigará a moitas persoas a acudir á formación en centros privados de FP para poder obter formación presencial e, ao mesmo tempo, bonifica con 6000 euros de fondos públicos a patronal do ensino concertado por cada unidade que peche.
- Resulta tamén chamativo o feito de que aqueles ciclos que pasan a distancia sexan os que facilmente e con poucos recursos poden obter alternativa presencial en centros privados de FP. Ciclos das familias de Informática e as comunicacións, Administración e xestión ou Servizos socioculturais e á comunidade son os máis afectados. Non así os das familias que requiren custosos talleres de prácticas ou alto gasto en materiais. É un esquema que resulta familiar noutros contextos de privatización como o da Sanidade.
- Podería pensarse ao respecto deste último punto que os centros privados de FP simplemente ofrecen aquelo que o alumnado demanda, máis non é menos certo que se dito alumnado non conta con posibilidades de formación presencial no ensino público pola planificación da Consellería, a única alternativa viable é a de non formarse ou asistir a centros privados (quen poida).
Estas son as conclusións ás que chegamos en CCOO Ensino e que trasladaremos no Consello Galego de FP en defensa da formación presencial e do ensino público, xunto con algún caso concreto e moi grave de centros afectados.