CCOO denuncia o incumprimento do convenio colectivo en relación coa estabilización do profesorado axudante doutor 

A UDC demora ao máximo a estabilización deste colectivo, o que impide a súa carreira profesional.

O convenio colectivo de PDIL no seu artigo 35 (ver texto consolidado) recolle a estabilización da figura de PAD (profesorado axudante doutor) e a funcionarización do profesorado CD/PPL (contratado-a doutor-a/permanente laboral):

  • Artigo 35. Carreira académica

    O inicio da carreira académica corresponde á figura de profesor axudante doutor.

    Cando o profesorado axudante doutor reúna os requisitos esixidos pola lexislación universitaria para acceder ás categorías de profesorado permanente laboral ou titular de universidade, se é o caso, a universidade creará unha praza que se corresponda coa acreditación por el/a obtida, por transformación da praza de profesor/a axudante doutor/a.

    Os contratos de profesorado contratado doutor ou permanente laboral transformaranse en prazas de profesorado titular de universidade cando o profesor/a contratado/a obteña a acreditación correspondente e así o solicite. A universidade facilitará, na medida en que o permita a lexislación vixente, o seu acceso á nova praza.

CCOO sinalou ás vicerreitorías de profesorado o incumprimento deste mandato legal nas Ofertas de Emprego Público e nas execucións das mesmas.

O contrato de profesorado axudante doutor é temporal e improrrogable, cun salario moi inferior ao das categorías de PPL/TU (permanente laboral / titular de universidade). Ademáis, na súa gran maioría, accedeu á súa praza desde figuras aínda máis precarias co requisito de acreditación para figuras permanentes. É dicir, desde o día en que asinaban o seu contrato, xa cumprían as condicións que establece o convenio colectivo para a súa promoción. Porén, a UDC escolle dilatar ao máximo a estabilización, demorando a súa carreira profesional.

Este sindicato comprobou que o profesorado axudante doutor ten máis de catro anos de antigüidade na acreditación cando as súas prazas son incluídas nas prelacións a PPL, mentres que a espera de persoas que promocionan a cátedras, nalgúns casos, é de pouco máis dun ano.

Tras solicitaren unha reunión co Reitor, membros do colectivo souberon que hai máis de 70 PAD que rematan o seu contrato entre os anos 2026 e 2027. E, a pesar das preguntas de CCOO, descoñecemos que previsións concretas ten a UDC para a súa estabilización.

CCOO defende o dereito á carreira profesional de todo o PDI, pero entendemos que o reitorado debe asegurar que os escasos recursos económicos e a taxa de reposición se orienten, prioritariamente, á estabilización do profesorado axudante doutor. E, ante a falta dunha resposta satisfactoria do reitorado, estamos a valorar todas as vías legais para garantir este dereito e o cumprimento do convenio colectivo.