O COMITÉ INTERCENTROS DA USC APROBA A PROPOSTA DE CC.OO PARA SOLICITAR DA XERENCIA A PRESENTACIÓN DA PROPOSTA DE CARREIRA HORIZONTAL PARA O PERSOAL DE CAPÍTULO VI

O comité intercentros do PAS laboral da USC acordou este luns, por unanimidade, a iniciativa de CC.OO para instar formalmente á Xerencia da USC para  que convoque canto antes a xuntanza para retomar a negociación e para que presente da súa proposta sobre a Carreira horizontal do persoal contratado con cargo a Programas e Proxectos de Investigación (Capítulo VI).

Na presentación e defensa desta proposta, explicamos aos demais sindicatos que o Comité Intercentros tamén representa e polo tanto debe implicarse nos temas que afectan ao persoal de Programas e Proxectos de investigación (Capítulo VI). Recordamos neste sentido que os membros deste colectivo, dunhas 800 persoas, participan e teñen dereito a votar na elección dos seus representantes nas eleccións sindicais, para escoller aos membros do comité de empresa. De feito 5 dos actuais membros dos comités de empresa de Santiago e Lugo son persoas de Capítulo VI elixidas nas candidaturas de CC.OO.

Tamén recordamos, a todos os membros do comité intercentros, que na negociación levada a cabo durante o segundo semestre de 2024 sobre o acordo da carreira horizontal do persoal de Capítulo I a xerencia se comprometera, ante a nosa esixencia, a negociar os termos da carreira do persoal de Cap. VI no primeiro trimestre de 2025. Esta negociación iniciouse o pasado mes de xaneiro, comprometéndose a xerencia a rematar a negociación antes do mes de xullo. 

Posteriormente, unha vez acercado posicións sobre o ámbito persoal de aplicación, na reunión do 25 de febreiro, a Xerencia comprometeuse tamén a enviar a súa proposta de carreira no prazo dun mes para continuar o proceso; algo que aínda non se fixo efectivo.

Este retraso da xerencia xa provocou que ante a nosa pregunta sobre o tema, na reunión da Mesa de PAS-PDI do 23 de abril, a xerencia nos contestou que a enviarían nun prazo de semana e media. O certo é que, cando pasaron xa tres meses dende o compromiso inicial, a xerencia segue sen achegar a proposta comprometida para negociar un acordo sobre o asunto.

En CC.OO agardamos, pese a todo, que a presión sindical e dos representantes do persoal no Comité Intercentros faga o seu efecto, e que nos próximos días recibamos a proposta da xerencia para levar a cabo a negociación. 

O noso obxectivo segue sendo poder pechar un acordo sobre a carreira do persoal de Capítulo VI antes do mes de xullo.