CCOO denuncia a imposibilidade de melloras salariais para docentes do ensino concertado tras a publicación da Lei de orzamentos

En CCOO Ensino recibimos perplexos a noticia da xuntanza mantida o pasado mércores, 10 de xaneiro, entre o director xeral de centros e recursos humanos da Consellería de Educación e o secretario xeral de FSIE. Resulta notable que esta reunión teña lugar a escasas semanas das eleccións autonómicas e é especialmente significativo que o tema tratado sexa unha mellora salarial, en concreto a homologación co persoal docente do ensino público. Non podemos deixar de sinalar que este encontro é só un máis nunha serie de reunións frecuentes e unha clara mostra da comunicación especialmente fluída e preferente que a Consellería mantén con FSIE, en contraste coa comunicación esporádica e menos prioritaria que sostén con outras organizacións como a nosa.

A realidade é que, segundo a Lei de orzamentos publicada no DOG o 29 de decembro, esta homologación queda bloqueada. O artigo 57 da devandita lei estipula claramente:

A administración só aboará as categorías funcionais directivas de director ou directora e xefe ou xefa de estudos do centro, así como os trienios destas dúas categorías. Non aboará ningunha outra categoría funcional directiva, e singularmente as denominadas «xefaturas de departamento», aínda que iso figure expresamente recollido no convenio colectivo vixente. No ano 2024, a Administración autonómica tampouco subscribirá acordos nin ditará instrucións ou resolucións para o aboamento da paga extraordinaria por antigüidade na empresa prevista no Convenio colectivo de empresas do ensino privado sostidas total ou parcialmente con fondos públicos.

Deste xeito, sen unha asignación orzamentaria específica, a homologación salarial proposta é imposible.