- Segundo un informe da Federación Estatal LGTBI+ e a Federación Estatal de Ensino de CCOO sobre a situación do profesorado LGTBI+.
- Ademais, revela que, entre o profesorado LGTBI+, tres de cada dez profesionais foron vítimas dalgún episodio LGTBIfóbico.
A Federación Estatal de Lesbianas, Gais, Trans, Bisexuais, Intersexuais e máis (FELGTBI+) e a Federación Estatal de Ensino de CCOO presentaron este martes un informe que revela que case catro de cada dez docentes (36,5 %) foron vítimas ou testemuñas dalgún acto de odio por LGTBIfobia no centro onde traballan actualmente. Segundo os datos, un 12 % das persoas que traballan en ensinanzas regradas non universitarias foron vítimas, das cales o 89 % son docentes LGTBI+ e o resto, persoas aliadas.
O estudo mostra tamén que, aínda que o máis habitual é que a violencia se produza un único día (34,6 %), en case un 30 % dos casos a situación se mantivo durante cen días ou máis. Os centros só actuaron para protexer a vítima nun 47 % dos casos, é dicir, no 53 % restante, as persoas agredidas non obtiveron apoio por parte dos equipos directivos. Segundo os datos, esta ausencia de intervención multiplica por catro o risco de baixa laboral por parte das persoas agredidas.
Doutra banda, a investigación desvela que as persoas que exercen a violencia son un 50 % alumnado, un 31 % persoas traballadoras do centro e un 19 % familiares. Tamén expón que case a metade do profesorado (47 %) que sufriu LGTBIfobia non denunciou.
Profesionais en situación de desamparo
Segundo as conclusións, só un 18,8 % das persoas entrevistadas afirma que no seu centro existe un protocolo específico para a protección de profesionais LGTBI+, malia que, tras a aprobación da lei LGTBI, é obrigatorio.
Ademais, os datos obtidos manifestan que só catro de cada dez membros do profesorado LGTBI+ se visibilizan ante calquera persoa do seu centro e un 21 % está completamente no armario. O medo a situacións de odio, acoso, discriminación (74,5 %), seguido do medo a vincularse a fenómenos estereotipados (29 %), son os principais motivos sinalados para explicar por que as persoas LGTBI+ que se dedican ao ensino non son visibles.
Como explica o coordinador de Educación da Federación Estatal LGTBI+, David Armenteros, «este temor non é infundado. O persoal LGTBI+ dos centros educativos non está amparado por procedementos internos. Os protocolos de protección son testemuñais e escasamente prácticos cando os datos de violencias que presentamos hoxe son verdadeiramente preocupantes».
«Por iso esiximos a todas as autoridades educativas que nos centros formativos se traballe para eliminar e cuestionar os discursos de odio, tal e como marca a actual lexislación. Tamén reclamamos a eliminación de calquera restrición da liberdade de expresión e de cátedra do persoal docente asociada ao veto parental, por ser un intento de censurar e perseguir a diversidade, e reclamamos formación continua e obrigatoria en diversidade familiar e afectivo-sexual para o profesorado como requisito para obter a acreditación como docentes», reivindica.
Ademais, a responsable de investigación da Federación Estatal LGTBI+, María Rodríguez, explica que «tradicionalmente, sinalouse o alumnado como principal fonte de odio, pero os resultados mostran que a violencia entre iguais existe e provoca situacións máis sutís e sostidas no tempo. Provocan acoso e estresores cotiáns que, pola súa dificultade para ser manifestados, son moi difíciles de detectar. Por iso é fundamental que se inclúan medidas para a prevención».
Pola súa parte, a secretaria de Muller, Políticas de Igualdade e LGTBIQ+ da Federación Estatal de Ensino de CCOO, Iria Antuña, defende que é necesario crear espazos de traballo seguros e isto é responsabilidade das empresas e as Administracións. O noso labor como organizacións é dar ferramentas a todas as persoas para recoñecer situacións de LGTBIfobia e actuar en consecuencia, con todas as garantías.