Asinado o XXIV Convenio Colectivo Estatal de Autoescolas

CCOO realiza unha valoración positiva deste novo convenio

CCOO asina o XXIV Convenio Colectivo Estatal de Autoescolas consolidando os últimos acordos que se alcanzaran na mesa negociadora e trasladándoo ao texto do convenio, que terá vixencia ata o 31 de decembro de 2026 e afectará a máis de 23.000 persoas traballadoras.

Os acordos alcanzados son os seguintes:

  • Ámbito temporal: Anos 2024, 2025 e 2026.
  • Táboas Salariais: A suba total acordada é do 11,9%, repartida durante todo o período de vixencia do Convenio, cos seguintes incrementos salariais:
    • 2024: 5%
    • 2025: 4,41%
    • 2026: 2,49% Os incrementos aplicaranse, en todos os casos, sobre o Salario Base.

Resto de acordos:

  • Procédese á adaptación legal dos capítulos de permisos e contratación.
  • Inclúese un novo protocolo contra a discriminación e o acoso por razón de orientación sexual, identidade de xénero, expresión de xénero, características sexuais e diversidade familiar.
  • Inclúese, así mesmo, un protocolo de actuación fronte a catástrofes e outros fenómenos meteorolóxicos adversos.
  • Os días 24 e 31 de decembro, considerados no artigo 12 do actual convenio como vacacións retribuídas, no caso de que caian en domingo, trasládanse ao día anterior ou posterior laborable para o traballador ou traballadora.
  • Cámbianse os dous días laborais adicionais ao mes de vacacións por 18 horas. Estas horas poderían desfrutarse en bloques de, como mínimo, 3 horas continuadas de duración.
  • Establécese un novo suposto de excedencia voluntaria con reserva do posto de traballo, dun ano de duración, para dedicarse á mellora da súa formación ou ao perfeccionamento profesional da persoa traballadora. Para poder acceder á mesma é necesaria unha antigüidade mínima de 3 anos. Esta excedencia non se poderá utilizar para traballar noutra escola da competencia.
  • Acórdase modificar o artigo 34, relativo á ensinanza gratuíta, establecendo que o traballador/a, cónxuxe e fillos que convivan coas persoas traballadoras das autoescolas e teñan unha antigüidade mínima na empresa dun ano, terán dereito á ensinanza nas fases teórica e á matrícula para a obtención do permiso da categoría B.
  • Clarificación do Art. 38, relativo á Incapacidade Temporal, para que este sexa máis claro e non permita interpretacións erróneas.

Desde CCOO realizamos unha valoración positiva deste novo Convenio Colectivo asinado, onde se recollen cuestións esenciais que viñamos reivindicando e que facilitan a estabilidade do sector.

A sinatura realizouse co apoio dos sindicatos e a patronal do sector de autoescolas e educación viaria. Desde CCOO seguiremos traballando polas mellores condicións das persoas traballadoras deste sector e velaremos polo cumprimento do convenio asinado.