CCOO Ensino esiximos preservar os dereitos da infancia e a adolescencia no ámbito educativo

O pasado 17 de decembro celebrouse o pleno anual do Observatorio da Convivencia Escolar, órgano consultivo do Consello Escolar do Estado no que a Federación de Ensino de CCOO ten dúas vogalías. Nesta sesión plenaria fíxose un repaso das actuacións realizadas durante o 2025 e a previsión para 2026.

A nosa Federación aproveitou tamén esta ocasión para insistir na esixencia de medidas reais acompañadas de orzamento para que, nos centros educativos, os plans de convivencia e a prevención e actuación contra o acoso escolar e o ciberacoso sexan unha realidade, e non unha vontade ou unha burocracia máis.

Volvemos pedir que se definan o perfil e as competencias da figura de coordinación de benestar, insistindo en que o profesorado de Servizos á Comunidade ou figura análoga é o máis adecuado para esta función, que non se compaxine con ningunha outra e sexa a tempo completo, dotando a todos os centros dunha persoa máis de persoal para que sexa de dedicación exclusiva.

Tamén insistimos na necesidade de ampliar a rede de orientación e das e dos profesionais do ámbito socioeducativo, e de abordar a convivencia —en concreto os problemas de acoso e ciberacoso— de forma sistémica, con espazos e tempos de coordinación entre administracións e áreas (sociosanitarias, xurídicas e policiais), de forma que o dereito da infancia e a adolescencia a vivir e aprender nunha contorna sa e segura se cumpra en todos os casos.

A protección dos e das menores require de investimento económico e de equipos interdisciplinares de recursos humanos: máis docentes, máis persoal de apoio educativo, máis educadoras/es e máis formación para profesionais e familias.

A Federación de Ensino de CCOO non deixa pasar ningunha oportunidade ou foro no que participa para insistir na urxencia dun sistema educativo público que preserve os dereitos da infancia e a adolescencia, que asegure a protección de nenos e nenas, e que mellore as condicións laborais e o recoñecemento das persoas traballadoras da educación.