Con este comunicado pretendemos poñer negro sobre branco cal foi a realidade, ata o momento, na negociación estatal no sector das escolas infantís.
Desde que se iniciou esta longa loita no sector da Educación Infantil, de enorme importancia social e que lamentablemente non obtén o recoñecemento que se merece, as CCOO foron obxecto de ataques continuos por parte da CIG, tentando minar a nosa credibilidade e fomentando o descrédito entre as miles de persoas traballadoras do sector, xa non só de Galicia, senón de todo o estado. As CCOO funcionamos doutro xeito e amosámolo nos feitos cotiás co noso traballo e coa nosa dedicación constante.
Facer sindicalismo é moito máis que lanzar proclamas estridentes e vestirse cun espírito que rara vez busca construír. Ten que ser unha mestura de estratexia, de consecución de melloras, de avances e de puxar polo benestar da maioría, pero nada disto é válido se non está presidido por uns mínimos valores éticos. Así e todo, hai algunha organización sindical que considera que a fin xustifica os medios, que todo vale se o resultado é medrar en afiliación ou ser os primeiros no sector. CCOO non vai entrar nese xogo!
Aproveitarse dun sector precarizado, de ínfimos salarios e condicións laborais nefastas para obter rendibilidades sindicais é, cando menos, inmoral. Visitar os centros de traballo unicamente co ánimo de difamar ás CCOO xa delata a quen leva esas práticas como método de traballo, pero ao final, o tempo e os feitos colocan a cadaquén no seu lugar.
Atribuírse éxitos e méritos alleos como se fosen propios evidencia os erros que non se asumen, difundindo comunicados inzados de medias verdades, ocultamentos ou directamente falsidades. Isto amosa un sindicato que cre estar en posesión da verdade, como se fosen o sol arredor do que todos temos que xirar. E non, a CIG é unha central sindical moi minoritaria no conxunto do estado no sector das Escolas Infantís, sen máis peso que o de dar a súa opinión.
CCOO foi a única organización sindical que nada máis recibir a proposta da patronal iniciou un proceso asembleario e de consulta coa súa afiliación (en todas as comunidades autónomas) para tomar unha decisión con respecto á proposta da Patronal; proposta que CCOO consideraba insultante e inaceptable e que as bases corroboraron como tal.
Compartimos toda a información coa afiliación e foi explicada en asemblea. Non fixemos resumos perniciosos nos que faltara información, difundimos entre as bases TODO, sen trampa nin cartón.
Ler nun comunicado que CCOO rexeita “un principio de preacordo” é unha infamia. CCOO levou á mesa de negociación unha plataforma reivindicativa na que aparecían todas e cada unha das reclamacións das nosas afiliadas e delegadas e que está nas antípodas desta proposta que é en exclusiva da patronal. Alardear de que grazas aos esforzos da CIG mudamos o noso criterio é un insulto á intelixencia de calquera, pois a relevancia que ten este sindicato na mesa de negociación estatal é irrelevante.
Nas semanas previas a mensaxe insistente foi que CCOO ía “vender” as traballadoras das Escolas asinando unhas condicións pésimas, unha falsidade absoluta que insulta de xeito deliberado e inaceptable a nosa afiliación e as nosas delegadas, que foron, son e serán as que lideren sempre a mobilización pola defensa da súa dignidade como profesionais do Ensino.
A insistencia da CIG como estandarte da loita por un convenio autonómico galego é unha falacia. CCOO estivo, está e estará sempre disposta á negociación en calquera ámbito que supoña mellorar as condicións laborais do sector. Aturamos anos de descrédito nos que a CIG usaba o feito de que CCOO era a organización maioritaria no sector para dicir que era a nosa culpa a falta de negociación autonómica. Agora que levan xa un tempo sendo eles os que lideran a representatividade en Galicia, resulta cando menos curioso que sigamos igual. Non existe patronal galega coa que sentarse a negociar, polo que non é unha solución a curto ou medio prazo. E de existir, a negociación sería tan dura como a da estatal, porque a patronal galega non sería nin mellor, nin peor, sería igual.
Pretenden asentar no imaxinario colectivo a idea de que no proceso de loita e sacrificio de todos estes anos non houbo máis que o traballo da CIG. Tentan esvaecer as mobilizacións, as folgas, as denuncias, os autobuses, os xuízos e as asembleas de afiliadas que lideramos desde CCOO, como sindicato maioritario no Estado.