A postura da Directora Xeral de Formación Profesional (FP), na xuntanza do Consello Galego da FP, supón seguir avanzando na mingua da oferta presencial en beneficio da privatización da Formación Profesional en Galicia.
No Consello Galego de Formación Profesional (FP), celebrado hoxe, 19 de xuño de 2023, a Directora Xeral de FP fai unha defensa férrea da proposta da oferta educativa de FP enviada o 12 de xuño aos centros mostrando, unha vez máis, unha profunda xordeira e cegueira ante as queixas do profesorado dos diferentes centros de Galicia.
A Directora Xeral afirma tamén que só hai queixas de tres centros educativos, pero a realidade é que houbo manifestacións en moitos máis institutos galegos e mesmo se crearon campañas de recollida de sinaturas en contra da imposición desta oferta educativa por parte da Administración. Non podemos esquecer que as direccións dos Centros Integrados de FP son postas a dedo pola propia Consellería, polo que non gozan da mesma liberdade para xulgar a oferta deseñada pola Administración.
Analizando a proposta enviada pola Consellería, na que faltaría o desglose de prazas, hai datos que non se poden negar, como o aumento da oferta global, principalmente derivado do incremento da oferta dual e a distancia. Dito isto, non é menos certa a diminución de posibilidades de formación presencial en réxime modular.
A Directora Xeral chega a afirmar que, na actual normativa experimental que regula a oferta de ensino a distancia, existe un requisito mínimo do 25 % de presencialidade, e que este mínimo pode ser ampliado polos centros tanto canto desexen. Isto significa que o profesorado podería ter que aceptar unha carga presencial moito maior e, do mesmo xeito, o alumnado podería ter grupos de ata 50 persoas en vez de 35, o que resultaría nun aumento de traballo e nunha diminución da calidade educativa, pola falta de recursos adicionais nos centros.
En realidade, isto non é o que vai suceder nos centros. O suposto aumento da demanda de ensino a distancia en comparación co ensino modular e presencial non é o que se nos transmite desde os claustros docentes. Ao non haber oferta presencial no ensino público, o alumnado verase obrigado a matricularse en centros privados que oferten ciclos en formato presencial. Por riba disto, é importante salientar que os ciclos que se transforman en ensino a distancia son precisamente aqueles que poden ser ofertados de forma presencial en centros privados con moi pouco investimento en equipamentos, talleres e outros recursos necesarios para a docencia.
O dato de ocupación de presencialidade na privada non foi facilitado no Consello Galego de FP nin tido en conta á hora de planificar a oferta da rede pública de centros. Este sería un bo exercicio de transparencia para futuras ofertas educativas que teñan que pasar por este órgano consultivo.
CCOO Ensino esixe que se teñan en conta as propostas dos centros para manter a oferta presencial na proposta definitiva e que, a maiores, se incremente significativamente a dotación de persoal, medios e recursos dos centros educativos para acometer o incremento de oferta dual e a distancia. Debe buscarse polo tanto unha mellora da calidade educativa e non un sistema educativo low-cost, no que quen non teña cabida na oferta pública, deba acabar marchando ao ensino privado.