Hoxe publícase no BOE o real decreto que regula a integración do profesorado técnico de FP no corpo de secundaria, pasando do grupo A2 ao A1. Despois dun grande atraso desde a inclusión desta medida na LOMLOE, que entrou en vigor en xaneiro de 2021, finalmente confírmase e está máis preto de se facer realmente efectiva.
CCOO conseguiu que o real decreto teña en conta reivindicacións importantes:
- Paso directo sen probas nin realización de memoria, simplemente presentando a documentación.
- Efecto retroactivo desde a entrada en vigor da LOMLOE.
- Paso a secundaria tamén das funcionarias e funcionarios con titulación universitaria das dez especialidades que quedan no corpo de especialistas en sectores singulares da FP.
- Posibilidade de obter titulación e pasar a Secundaria ata xaneiro do 2026, aínda que o sindicato segue reivindicando o prazo indefinido.
Prazos e efectos retroactivos
Porén, o sindicato seguirá reclamando varias cuestións e lamenta que non se tiveran en conta algunhas das súas propostas e emendas, como as dirixidas a conseguir reducir os prazos para facer efectiva a integración de forma áxil e completa (establecendo un prazo máximo dun mes desde a aprobación do RD para que as comunidades autónomas publiquen a súa convocatoria) e a que todo o profesorado que cumpría os requisitos desde a aprobación da LOMLOE se beneficiase do carácter retroactivo, independentemente da súa situación administrativa (funcionariado en prácticas, funcionariado interino, todas as excedencias, comisións de servizo, etc.), incluído o que se xubilase desde ese momento.
En relación co profesorado interino, CCOO reclama que este colectivo se beneficie en toda a súa extensión da norma, estea na especialidade que estea, igual que o funcionariado de carreira, sen quedar discriminado en ningún aspecto. Isto debe ser así en virtude da normativa europea, igual ca noutras cuestións, e CCOO levará a cabo a oportuna campaña de recursos para que así sexa.
Complemento de equiparación
Adicionalmente, a Federación de Ensino de CCOO propón que se estableza un complemento de equiparación salarial para aquel profesorado que non cumpra os requisitos do paso a secundaria. Por outro lado, o sindicato seguirá traballando intensamente para que todos os corpos docentes sexan grupo A1 e suban de nivel.
Ligazóns relacionadas


