Desde CCOO Ensino valoramos positivamente a ampliación dos permisos laborais aprobada polo Goberno, que supón un avance na conciliación da vida persoal, familiar e laboral e na protección das persoas traballadoras en momentos especialmente difíciles das súas vidas. Estas medidas permiten homologar o marco normativo español ao doutros países europeos cun maior nivel de protección das persoas traballadoras nestas circunstancias.
O Consello de Ministros aprobou este 24 de novembro, por proposta do Ministerio de Traballo e Economía Social, un real decreto-lei que amplía os permisos existentes e recoñece novos dereitos laborais en materia de coidados, conciliación e acompañamento.
Ampliación do permiso por dó en caso de falecemento
O actual permiso por falecemento pasa a denominarse permiso por dó en caso de falecemento e amplía a súa duración:
- 10 días laborables polo falecemento do cónxuxe, parella de feito ou familiares de primeiro grao de consanguinidade (pais, nais, fillos e fillas). Poderán gozarse dentro das catro semanas posteriores ao falecemento.
- 3 días laborables polo falecemento de familiares de primeiro grao de afinidade ou de segundo grao de consanguinidade ou afinidade.
- 5 días laborables cando, neste último suposto, sexa necesario realizar un desprazamento.
Esta ampliación supón un importante avance no recoñecemento das necesidades emocionais das persoas traballadoras ante a perda dun ser querido e sitúa España na liña dos países europeos máis avanzados nesta materia, como Portugal ou Bélxica.
Novo permiso de acompañamento na morte digna
Créase un novo permiso dun día para a persoa traballadora que sexa designada para acompañar a outra persoa que reciba a prestación de axuda para morrer (eutanasia).
Novos dereitos para a atención a familiares en coidados paliativos
Recoñécese expresamente o dereito a solicitar a adaptación ou a redución da xornada laboral para atender o cónxuxe, parella de feito ou familiares ata o segundo grao de consanguinidade que precisen coidados paliativos.
Ademais, os períodos de redución de xornada por este motivo non suporán unha redución das cotizacións á Seguridade Social.
Ampliación do permiso por nacemento e coidado de menores
- O permiso amplíase de 19 a 20 semanas por cada persoa proxenitora, adoptante, gardadora ou acolledora.
- No caso das familias monoparentais, amplíase de 32 a 34 semanas.
- As semanas das que se poderá gozar de forma acumulada ou interrompida ata que o cativo ou cativa cumpra oito anos pasan de dúas a tres, e de catro a seis no caso das familias monoparentais.
Un avance na humanización das relacións laborais
Desde CCOO Ensino defendemos que o traballo debe ser compatible coas necesidades persoais, familiares e emocionais das persoas traballadoras.
Afrontar a perda dun ser querido, acompañar unha persoa nos últimos momentos da súa vida ou atender as necesidades de coidado da familia non pode supoñer unha penalización laboral nin obrigar a renunciar a dereitos.
Por iso, valoramos positivamente estas medidas e seguiremos traballando para ampliar os dereitos de conciliación e garantir que o seu exercicio efectivo alcance o conxunto das persoas traballadoras, con independencia do sector ou do seu vínculo laboral coa empresa ou coa Administración.
Desde CCOO facemos un chamamento á Deputación Permanente do Congreso dos Deputados para que valide este real decreto-lei, facendo do exercicio parlamentario unha expresión de humanidade e dignidade que afecta a millóns de persoas traballadoras do noso país.
Unha vez publicado o real decreto-lei no BOE, analizaremos o seu alcance, a súa entrada en vigor e a súa aplicación aos distintos colectivos do ensino.
Consulta a nota de prensa oficial do Ministerio de Traballo e Economía Social



