A continuidade do programa María Goyri e a estabilización das prazas do profesorado axudante doutor non poden quedar supeditadas á incerteza financeira nin á falta de compromiso das administracións públicas.
CCOO consideramos imprescindible que as comunidades autónomas ratifiquen o seu compromiso co programa María Goyri e garantan a estabilización das prazas do profesorado axudante doutor (PAD) a medida que se vaian cumprindo os criterios de acreditación esixidos. Non abonda con impulsar novas contratacións: é necesario establecer perspectivas reais de continuidade e consolidación do emprego que permitan desenvolver unha carreira académica estable e unhas condicións laborais dignas.
O problema das addendas aos convenios asinados
Os convenios do programa María Goyri asinados inicialmente só contemplan un financiamento e un período de contratación de catro anos, mentres que o programa prevé un horizonte de contratación de seis anos. Polo tanto, fan falta unhas addendas que amplíen os convenios para cubrir os dous anos restantes. E aquí está o problema: aínda non se pechou o compromiso de financiamento do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (MICIU) para completar eses seis anos. Para garantir os seis anos previstos, é necesario que o MICIU asine as addendas correspondentes aos dous anos adicionais.
O problema non é unicamente que falte asinar un documento administrativo. O que está en xogo é o financiamento que permitirá dar continuidade ao programa e, especialmente, facer posible a estabilización do profesorado. CCOO reclama ao MICIU a sinatura destas addendas antes do 29 de novembro, data das eleccións xerais: a estabilización de preto de 3.400 PAD contratados ao abeiro do programa María Goyri non pode estar sometida aos resultados das eleccións. Trátase dun piar estratéxico para garantir a remuda xeracional nas universidades públicas.
O financiamento do programa María Goyri, unha cuestión urxente
CCOO levamos tempo reclamando a todas as partes implicadas (MICIU e comunidades autónomas) a necesidade de garantir a continuidade e a estabilización das prazas vinculadas ao programa.
Neste sentido, resulta rechamante a negativa do MICIU a favorecer a estabilización do PAD María Goyri nunha figura permanente antes de cumprir os seis anos de contrato, aínda que reúna os requisitos esixidos para poder acceder a esas prazas. Temos constancia de que a CRUE lle formulou ao MICIU que, cando un PAD promocione a unha praza permanente, se manteña a achega ministerial media de 45.000 euros anuais por praza, asumindo as universidades o financiamento restante. Porén, a resposta do MICIU a esta proposta foi negativa. Desde CCOO denunciamos que, con esta formulación, se penalice a promoción interna e o lexítimo dereito á carreira académica.
A esta situación hai que engadir:
- Atrasos intolerables nos fondos: as transferencias orzamentarias estatais están chegando cun ano de atraso. É inadmisible que as universidades teñan que adiantar o custo das prazas con cargo aos seus orzamentos ordinarios para cubrir a ineficacia da Administración central.
- Recortes nas indemnizacións: o MICIU mesmo regatea nos cesamentos, aboando apenas 1.400 euros por finalización de contrato fronte aos 1.800 euros de media reais, o que obriga as universidades a asumir a diferenza.
CCOO non toleraremos que sexan os cadros de persoal quen paguen a falta de financiamento estatal e autonómico.
E aínda que temos constancia de que as universidades teñen a vontade de estabilizar este profesorado, CCOO consideramos que esta garantía, sendo importante, resulta claramente insuficiente se non vai acompañada dun financiamento adecuado que permita consolidar as prazas e ofrecer unha verdadeira continuidade profesional.
A ausencia de financiamento para a consolidación tería consecuencias moi graves para o conxunto do sistema universitario: non só dificultaría a estabilización do profesorado vinculado ao programa, senón que tamén podería impedir que as universidades executasen as ofertas públicas de emprego derivadas da taxa de reposición ou formalizasen outras modalidades de contratación, ao teren que destinar os seus recursos á estabilización do PAD María Goyri.
En definitiva, a falta de financiamento acabaría comprometendo a renovación dos cadros de persoal, a promoción profesional e a capacidade das universidades para atender as súas necesidades docentes e investigadoras.
CCOO reclamamos compromisos concretos e financiamento suficiente
A estabilización do profesorado non pode quedar nunha declaración de intencións nin depender da dispoñibilidade orzamentaria de cada universidade. É responsabilidade das administracións públicas garantir os recursos necesarios para que os compromisos adquiridos se traduzan en dereitos e oportunidades reais.
Por iso, reclamamos:
- Ás comunidades autónomas: que ratifiquen o seu compromiso co programa María Goyri e garantan o financiamento necesario para a estabilización das prazas cando se cumpran os requisitos de acreditación.
- Ao MICIU: que asine urxentemente as addendas aos convenios para completar os seis anos de contratación e revise a súa posición sobre o financiamento da promoción e consolidación das prazas.
- Ás administracións financiadoras: que garantan a puntualidade e a suficiencia das transferencias, evitando que as universidades asuman cargas económicas que corresponden aos compromisos de financiamento do programa.
Resumo da situación e das reivindicacións
| Aspecto | Posición / Situación actual | Impacto / Consecuencia |
|---|---|---|
| Ampliación dos contratos | Reclámase ao MICIU que asine as addendas antes do 29 de novembro para ampliar os contratos de catro a seis anos. | Afecta directamente a 3.400 PAD. |
| Promoción a figuras permanentes | O MICIU rexeita manter a axuda media de 45.000 € anuais se o PAD promociona a unha figura permanente. | As universidades deben asumir o custo total da estabilización. |
| Atrasos nos fondos | As transferencias estatais chegan cun ano de atraso. | As universidades vense obrigadas a comprometer os seus propios orzamentos para adiantar os pagamentos. |
| Indemnizacións | O MICIU só cobre 1.400 € por finalización de contrato; as universidades pagan os 400 € restantes (ata os 1.800 € de media). | Sobrecusto financeiro para os centros públicos. |
CCOO seguiremos defendendo que o programa María Goyri debe ser unha verdadeira ferramenta de transformación do sistema universitario e non unha solución temporal que traslade novamente ás universidades e ás súas persoas traballadoras a responsabilidade de resolver os problemas de financiamento.
Non queremos unicamente garantías de que non haberá despedimentos. Esiximos garantías de estabilización, promoción profesional e consolidación do emprego.
A universidade pública necesita profesorado estable, financiamento suficiente e compromisos institucionais que se cumpran.
O sindicalismo de CCOO segue demostrando a súa utilidade para mellorar a vida das persoas traballadoras.
Non nos resignamos. Defende a universidade pública e de calidade, a universidade de todas e todos.

