Coincidindo co inicio do prazo de participación no Concurso Xeral de Traslados (CXT), desde CCOO Ensino presentamos por rexistro unha reclamación ante a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para esixir maiores garantías de transparencia e acceso á información nos procedementos que afectan o profesorado.
Con esta iniciativa queremos dar resposta a unha preocupación que levamos tempo trasladando á Consellería: as limitacións actuais no acceso á información poden dificultar tanto a defensa dos dereitos individuais do profesorado como o noso labor de supervisión e control sindical.
Por que é importante poder acceder á información?
Nos concursos de traslados e noutros procedementos de concorrencia competitiva, consideramos imprescindible que a Administración garanta que todas as persoas participantes sexan valoradas conforme aos mesmos criterios.
Actualmente, o profesorado pode consultar determinada información das persoas que participan na súa especialidade. Porén, este acceso non sempre permite comprobar se a Administración está aplicando os mesmos criterios en todas as especialidades.
Poñamos un exemplo: que sucede se un determinado mérito se valora nunha especialidade, pero non noutra, malia que a normativa establece os mesmos criterios?
Unha persoa que só pode consultar a información da súa especialidade dificilmente poderá detectar esa diferenza e, polo tanto, reclamar se considera que se vulneraron os seus dereitos.
Para poder defender un dereito, primeiro temos que dispoñer da información necesaria para comprobar se se está respectando.
A transparencia tamén é necesaria para o control sindical
Desde CCOO Ensino defendemos que as organizacións sindicais debemos contar con mecanismos adecuados para comprobar que os procedementos se desenvolven con todas as garantías.
Non pretendemos acceder indiscriminadamente aos datos persoais do profesorado, senón poder verificar que os criterios de valoración se aplican correctamente e de maneira uniforme.
Consideramos que a protección de datos e a transparencia non son incompatibles. Existen fórmulas que permiten protexer a información persoal e, ao mesmo tempo, facilitar as comprobacións necesarias para detectar posibles erros ou desigualdades de trato.
Defendemos que a protección de datos debe garantir os dereitos das persoas, non converterse nun obstáculo para defendelos.
Unha reclamación que vai máis alá do CXT
Aínda que presentamos esta reclamación coincidindo co inicio do prazo de participación no Concurso Xeral de Traslados, queremos que as garantías que reclamamos se estendan tamén a outros procedementos de provisión de postos e aos procesos selectivos de acceso á función pública docente.
Esta non é unha cuestión nova para nós. Durante o pasado curso académico mantivemos conversas coa Consellería para procurar unha solución que compatibilizase a protección dos datos persoais co dereito de acceso á información.
Ante a falta dunha resposta satisfactoria, decidimos dar un novo paso e formalizar a nosa reclamación.
Reclamamos que a Consellería estableza garantías reais de acceso á información que permitan ao profesorado defender os seus dereitos e ás organizacións sindicais exercer eficazmente o noso labor de control.
Desde CCOO Ensino seguiremos traballando para que a transparencia, a igualdade de trato e a seguridade xurídica sexan garantías efectivas en todos estes procedementos.

