Fronte á incerteza, CCOO deu a cara. Fronte aos cambios impostos, CCOO negociou. E desa negociación saíron melloras e garantías para as traballadoras.
0 despedimentos forzosos grazas ao acordo. +5 % de mellora no plus de nocturnidade. CCOO liderou a negociación e elaborou as propostas.
Despois de varias reunións e dunha intensa negociación coa dirección de Aldeas Infantiles Galicia, as delegadas de CCOO acadaron un acordo que pon fin ao período de consultas da modificación substancial das condicións de traballo (MSCT) derivada da nova licitación de residencial.
Un proceso que afecta á vida laboral e persoal de moitas compañeiras: novos horarios, quendas rotatorias de mañá, tarde e noite, cambios importantes na organización da vida familiar. A isto sumábase a incerteza sobre o futuro das persoas que non reunían a titulación esixida na nova licitación.
Desde o primeiro momento, nas CCOO tivemos claro que había que poñer propostas enriba da mesa e negociar alternativas que minimizasen e compensasen os cambios. O resultado é un acordo que mellora as condicións inicialmente ofrecidas pola empresa e establece garantías concretas para as persoas afectadas.
Que conseguimos co acordo?
Preservar postos de traballo
Un dos puntos máis sensibles desta negociación era a situación das persoas que non reunían a titulación esixida pola nova licitación. O escenario inicial contemplaba a posibilidade de que se producisen ata 10 despedimentos. O acordo permite evitar que se produzan rescisións por esta vía, articulando recolocacións e adscricións voluntarias ás extincións contractuais.
En concreto, recóllese a recolocación de seis persoas traballadoras de xeito que dúas se incorporan en postos de cociña, dúas de apoio aos fogares e as dúas restantes como ATE. O resultado final é que non haberá ningún despedimento.
Mellora do plus de nocturnidade
Conseguimos un incremento do 5 % sobre o importe do plus de nocturnidade previsto no convenio colectivo sectorial, durante a vixencia do convenio actualmente aplicable e respecto do que poida pactarse no futuro. Ademais, o plus devindicarase polo traballo realizado entre as 22:00 e as 08:00 horas, ampliando en dúas horas a franxa inicialmente proposta pola empresa, que se limitaba ao período nocturno establecido legalmente, das 22:00 ás 06:00 horas.
Mellores indemnizacións para quen opte pola extinción do contrato
O acordo establece que as persoas afectadas pola modificación substancial poderán optar pola extinción do seu contrato dentro do prazo pactado, 1 ano desde a sinatura do acordo, cunha indemnización de 22 días de salario por ano de servizo, cun máximo de 12 mensualidades. Unha mellora fronte á proposta inicial da empresa, que ofrecía 20 días por ano de servizo, cun límite de 9 mensualidades. Ademais, para as tres traballadoras que se adscribiron voluntariamente ás extincións contractuais por causas obxectivas, acordouse unha indemnización de 25 días de salario por ano de servizo, cinco máis dos establecidos legalmente, cun máximo de 12 mensualidades.
Un marco acordado para as novas quendas
O acordo incorpora a organización do traballo residencial en quendas de mañá, tarde e noite, así como o compromiso de manter as rotacións previamente pactadas nos CAD de Vigo. Os cambios horarios afectan á conciliación, ao descanso e á organización persoal das traballadoras. Por iso, a aplicación das novas quendas será obxecto de seguimento para garantir o cumprimento do acordado.
O acordo non significa renunciar a continuar negociando melloras no futuro inmediato e a medio prazo, sobre todo cuestións que agora non se acadaron e que coidamos que serán abordadas na negociación do convenio.
CCOO asumiu a negociación e elaborou as propostas
As traballadoras tamén teñen dereito a coñecer como se desenvolveu a negociación e quen asumiu a responsabilidade de defender os seus intereses.
Como todas sabedes, o comité de empresa de Redondela estaba inicialmente composto por 3 representantes de CCOO e 2 da CUT. Porén, a CUT renunciou a continuar no seu labor representativo nun momento especialmente delicado, cando estaba en marcha un proceso que afectaba directamente ao emprego e ás condicións laborais de moitas compañeiras.
O noso traballo non se limitou a asistir ás reunións; o documento coas propostas e reivindicacións que se puxeron enriba da mesa foi elaborado exclusivamente por CCOO. Fomos nós os que preparamos as medidas que había que defender, os que negociamos as condicións do acordo e os que asumimos a responsabilidade de procurar solucións para o persoal afectado.
Cómpre sinalar que unha representante da CUT asistiu como convidada, xa que non formaba parte da representación legal das persoas traballadoras. A súa presenza non modifica o feito de que a negociación e a elaboración das propostas foron responsabilidade exclusiva de CCOO. E hai outro dato que as compañeiras xa coñecedes: despois da renuncia das súas delegadas, a CUT promoveu un novo proceso electoral, pero finalmente nin sequera presentou candidatura. Cada traballadora poderá sacar as súas propias conclusións.
Desde CCOO entendemos que a representación sindical implica compromiso, presenza e responsabilidade, especialmente cando as dificultades son maiores e están en xogo os dereitos colectivos.
O acordo non é o final: agora toca vixiar o seu cumprimento
Sabemos que a situación segue sendo complexa e que ningún acordo resolve todas as preocupacións das compañeiras. As novas quendas, a aplicación das melloras económicas e a execución das recolocacións esixen un seguimento constante. Por iso, adquirimos o compromiso de vixiar o cumprimento efectivo do acordo e continuar traballando para mellorar as nosas condicións laborais.
Os feitos falan por nós
En momentos de incerteza, as traballadoras precisan unha representación sindical que non abandone, que prepare propostas, que negocie e que responda. CCOO asumiu esa responsabilidade e acadou un acordo con melloras económicas, indemnizacións superiores ás inicialmente ofrecidas pola empresa e medidas de recolocación para afrontar o impacto da nova licitación.
CCOO NEGOCIA. CCOO DEFENDE. CCOO RESPONDE.

