CCOO asinamos o acordo que recupera a xubilación parcial anticipada do PTXAS laboral da USC

O novo acordo, asinado hoxe, 2 de novembro, permite recuperar un dereito que quedara bloqueado polos cambios normativos de 2025. O persoal laboral fixo poderá reducir a súa xornada ata un 75 % antes de alcanzar a idade ordinaria de xubilación.

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Comité Intercentros, coa participación de CCOO, asinaron este 2 de novembro un novo acordo para recuperar a xubilación parcial anticipada con contrato de remuda do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos (PTXAS) laboral fixo.

Trátase dun avance importante, froito da negociación sindical, que permite superar o bloqueo producido pola reforma normativa que entrou en vigor o 1 de abril de 2025 e que dificultou a aplicación desta modalidade de xubilación nas administracións públicas.

Desde CCOO levamos meses reclamando unha solución a esta situación. Primeiro, mediante a negociación a nivel estatal que permitiu a aprobación do Real decreto-lei 19/2026, do 29 de xuño, e posteriormente esixindo a súa aplicación efectiva nas universidades públicas mediante acordos negociados.

Co acordo alcanzado na USC damos un paso decisivo para recuperar este dereito, facilitar a remuda xeracional e mellorar as condicións de acceso á xubilación do persoal laboral.

Consulta aquí o texto íntegro do acordo asinado.

Principais condicións do acordo

O plan será de aplicación ao persoal laboral fixo da USC con xornada completa, incluído no ámbito do seu convenio colectivo.

Para acceder á xubilación parcial anticipada será necesario cumprir os seguintes requisitos:

  • Idade: faltar, como máximo, tres anos para alcanzar a idade ordinaria de xubilación que corresponda.
  • Cotización: acreditar un mínimo de 33 anos cotizados, reducido a 25 anos para persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.
  • Antigüidade: contar cun mínimo de seis anos de antigüidade na USC inmediatamente anteriores á xubilación parcial.

Con carácter xeral, a redución da xornada será do 75 %. No caso das persoas que anticipen a súa xubilación parcial máis de dous anos respecto da idade ordinaria, durante o primeiro ano a redución será do 33 %.

Un dos aspectos máis relevantes é a posibilidade de acumular o tempo de traballo pendente, mesmo nun único período ao inicio da xubilación parcial. Esta distribución determinarase tendo en conta a proposta da persoa traballadora e as necesidades do servizo.

Ademais, o acordo garante que a súa aplicación non suporá a redución de prazas estruturais.

Como se poderá solicitar?

O acordo establece un calendario para organizar as solicitudes e facilitar a planificación dos contratos de remuda:

  • Xubilacións anteriores ao 1 de abril de 2027: as solicitudes deberán presentarse cunha antelación mínima dun mes. Vincularanse aos contratos laborais fixos formalizados despois do 1 de abril de 2024 nos termos previstos no acordo.
  • Xubilacións entre abril e decembro de 2027: a USC abrirá unha convocatoria en xaneiro de 2027, nos termos previstos no acordo. As solicitudes deberán confirmarse cunha antelación mínima de dous meses.
  • Xubilacións de 2028 en diante: as convocatorias publicaranse durante o primeiro trimestre do ano anterior ao da xubilación prevista.

Para tramitar a solicitude será necesario achegar documentación do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) que acredite as datas de cumprimento dos requisitos de acceso á xubilación parcial e ordinaria.

O acordo tamén mantén o dereito ao premio extraordinario de xubilación nas mesmas condicións que para o persoal en activo cando se alcance a xubilación ordinaria total.

A súa vixencia estenderase ata o 31 de decembro de 2030, coa posibilidade de prórrogas anuais, mediante acordo entre as partes, ata finais de 2034.

Un novo avance da negociación sindical

Desde CCOO valoramos positivamente a sinatura deste acordo, que permite transformar a recuperación legal dun dereito nunha medida concreta para as persoas traballadoras da USC.

A negociación colectiva volve demostrar a súa utilidade para resolver problemas, desbloquear dereitos e conseguir avances reais nas condicións laborais.

Seguiremos traballando para garantir a correcta aplicación do acordo e para que todas as persoas que cumpran os requisitos poidan acceder efectivamente á xubilación parcial anticipada.

Así mesmo, continuaremos reclamando que este dereito se estenda tamén ao persoal funcionario, unha cuestión que segue pendente de resolución.


Máis información: