CCOO reclama a negociación tanto dos principios xerais da normativa reguladora como dos criterios de avaliación do sexenio de transferencia
A convocatoria de eleccións xerais paraliza a posibilidade de que na actual lexislatura se aprobe a regulación do sexenio de transferencia e, consecuentemente, a súa convocatoria. E isto malia os anuncios do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (MICIU), o último o pasado xoves 23 de setembro, que sinalaba que o Goberno iniciara os trámites para lanzar a primeira convocatoria do novo sexenio de transferencia.
A realidade é que estes trámites se iniciaron en xullo de 2024, cando o Proxecto de real decreto polo que se modifican varios reais decretos reguladores das avaliacións do persoal investigador dos Organismos Públicos de Investigación e do persoal docente e investigador das universidades públicas se someteu ao procedemento de consulta pública, que rematou o 9 de xullo de 2024, sen que se tivesen novas noticias sobre o seu resultado.
En todo caso, e aínda que non se producise a paralización do proceso, CCOO entende que a tramitación que se siga require un período mínimo de entre seis e nove meses antes de publicar unha convocatoria efectiva de sexenios de transferencia. Isto é así pola realidade dos feitos:
O MICIU debe regular mediante real decreto (RD) a súa execución como requisito previo dunha futura convocatoria estatal. Este RD será proposto polo MICIU e polo Ministerio de Facenda. Nestes momentos, ambos os ministerios seguían negociando a dispoñibilidade orzamentaria do sexenio de transferencia.
Unha vez aprobado o RD polo Goberno, ao non ter que ratificalo o Parlamento, xa que é un desenvolvemento dunha lei vixente, o texto entraría en vigor. Desde CCOO entendemos que este é o trámite ao que vén facendo alusión o MICIU.Só unha vez aprobado o RD, ANECA procedería á creación formal da CNEAT (Comisión Nacional Avaliadora da Actividade de Transferencia), órgano similar ao actual CNEAI para a avaliación da investigación e que está recollida no recentemente aprobado Estatuto de ANECA. Nese momento abordarase a definición dos criterios de avaliación e que achegas se manterán no ámbito de avaliación da actividade investigadora e cales pasan ao ámbito da transferencia e a innovación.A creación da CNEAT require dunha orde ministerial; estímase un prazo de seis meses para a constitución da CNEAT mesma e dos seus comités, unha vez aprobada a dita orde.
Os méritos avaliables serían os acreditados o 31 de decembro do ano anterior ao da convocatoria.
ANECA considera que a avaliación do sexenio de transferencia non debería coincidir materialmente no tempo coa de investigación; o ideal sería que ambos os procesos se convoquen con seis meses de diferenza, dedicando un semestre para resolver cada convocatoria.
Neste contexto temporal, desde CCOO entendemos que, incluso se non se convocasen eleccións xerais e non se paralizase o proceso de aprobación do RD, resultaba moi complicado que houbese convocatoria, non xa en 2026, senón mesmo en 2027.
Para CCOO, a futura regulación debe recoller, polo menos, o seguinte:
Debe considerar tanto o PDI funcionario como o laboral, así como as diferentes figuras do persoal de investigación.
Se o Goberno considera, por fin, modificar o RD 1086/1989 de retribucións do persoal universitario, tal e como se reflicte no proxecto de RD de 2024, que data de hai 35 anos, debería formular directamente a súa derrogación, pois está totalmente desfasado e non responde á realidade actual do sistema universitario. Ou, polo menos, debería aproveitar para modificar e suprimir aqueles artigos que son, incluso, contrarios á xurisprudencia nacional e europea, como son os relativos á discriminación do persoal interino, temporal e a tempo parcial. Igualmente, debe aproveitarse para modificar o RD 1086/1989 para subir os niveis do complemento de destino dos corpos universitarios (30 para CU, 29 para TU).A solicitude do sexenio de transferencia ha ser compatible coa solicitude do sexenio de investigación; é dicir, deberían poder solicitarse á vez.
Non se debe esixir ter un sexenio de investigación para poder solicitar un de transferencia. Ambas as tarefas son independentes, pódense producir de xeito simultáneo no marco temporal de seis anos e non teñen por que responder a una secuenciación programada.
Debería aumentarse o máximo de sexenios permitidos (ata sete) e recoñecerse de forma diferenciada os de transferencia e os de investigación (máximo de catorce, por tanto). Non ten sentido formular un complemento retributivo con “cuasineutralidade orzamentaria”, como estaba a propor o MICIU. Non estamos só ante un complemento de carreira profesional: trátase tamén dun compoñente salarial e, en todo caso, debe garantirse o pleno recoñecemento académico e salarial de todos os tramos e a todo o profesorado.
O importe da totalidade dos sexenios recoñecidos debe percibirse en función da figura funcionarial ou de contratación que se teña en cada momento.
A solicitude de prórroga do sexenio en vigor por diversas causas debe estenderse tamén ás situacións de baixa por enfermidade común, profesional ou por accidente.
Debe acometerse a necesaria adaptación do procedemento do recoñecemento dos sexenios ao persoal docente e investigador que acredite unha situación de discapacidade.
Debe terminarse coa discriminación da necesidade de ter contrato de oito meses nun ano natural para que poida ser incluído no sexenio (Orde ministerial de 2 de decembro de 1994).
Debe definirse claramente o que se consideran “actividades avaliables” para estes efectos.
Debe garantirse a claridade xurídica e a obxectividade do procedemento e dos criterios de avaliación.
En todo caso, desde CCOO queremos recordar que os complementos retributivos, e a normativa que os regula, son obxecto de obrigada negociación colectiva. O sexenio de transferencia é unha ferramenta estratéxica para modernizar a carreira académica e corrixir desigualdades históricas nas universidades públicas e organismos de investigación. Para CCOO, a implantación definitiva deste dereito representa consolidar un modelo universitario no que investigar e transferir teñan o mesmo valor real.

