Desde CCOO Ensino facemos unha valoración moi positiva da xornada de folga de hoxe. As organizacións sindicais convocantes ciframos nun 65 % o seguimento do paro, mentres que máis de 2.500 persoas se mobilizaron en Compostela, a pesar das condicións meteorolóxicas adversas.
A nosa reclamación é moi concreta: o cumprimento de todo o que se lle adebeda ao persoal e a apertura inmediata dunha mesa de negociación para abordar as melloras laborais e salariais pendentes. Non pedimos promesas nin declaracións: pedimos que se cumpra co persoal e que se negocie.
As declaracións do conselleiro Román Rodríguez, nas que manifestou o seu respecto polo dereito á folga e afirmou que o PP é a «única formación política» do Parlamento galego que ten consideración polo ensino concertado, contrastan coa realidade que vive o persoal destes centros tras anos de Goberno popular.
Desde o regreso do PP á Xunta, despois do período de goberno bipartito, o persoal do ensino concertado leva máis de 16 anos sufrindo o desprezo da Administración, cun bloqueo sistemático de calquera mellora salarial nas sucesivas leis de orzamentos.
Non estamos falando de modelos; estamos falando de persoas. Das traballadoras e traballadores que sosteñen arredor do 30 % do ensino en Galicia e que levan máis de 16 anos vendo como empeoran as súas condicións laborais.
É o modus operandi do PP: servizos esenciais financiados con fondos públicos que se sosteñen sobre a precariedade das persoas traballadoras que os prestan.
Hoxe o persoal fíxose escoitar con forza. A Xunta debe responder ás súas demandas: cumprir o que se lle adebeda ao persoal e abrir xa unha mesa de negociación.

