Campaña de solidariedade con Cuba. Fronte ao bloqueo e á guerra, eliximos solidariedade

Ata finais de xuño podes traer a túa doazón a calquera sede de CCOO. Todo conta: desde medicamentos ata roupa de cama hospitalaria.

Nun momento de especial dificultade para o pobo cubano, marcado polas consecuencias do furacán Melissa e polo impacto acumulado de décadas de bloqueo económico, CCOO poñemos en marcha unha campaña urxente de solidariedade internacional.

O obxectivo é claro e concreto: recoller medicamentos, material sanitario esencial e subministracións para a recuperación de hospitais e centros de saúde en toda Cuba.

A nosa relación con Cuba non nace hoxe. É unha traxectoria de décadas construída sobre os piares do internacionalismo obreiro, a defensa dos dereitos humanos e o respecto mutuo entre pobos. Acompañamos as súas conquistas sociais, a súa loita pola igualdade, o seu sistema de saúde universal e o seu exemplo de dignidade fronte ás adversidades.

Estivemos presentes en momentos duros e en momentos de esperanza, porque para CCOO a solidariedade é un compromiso permanente coa xustiza social e cos pobos que defenden a súa soberanía.

Hoxe, máis ca nunca, alzamos a voz con forza e claridade: esiximos o fin inmediato do bloqueo económico, comercial e financeiro imposto contra Cuba.

Este bloqueo, que xa supera os sesenta anos, non é unha simple “política exterior”. É un castigo colectivo que asfixia a economía dun país enteiro, dificulta o acceso a medicinas, tecnoloxías sanitarias e bens básicos, e xera sufrimento innecesario na vida cotiá de millóns de persoas.

Por razóns puramente humanitarias rexeitamos calquera medida que condene a un pobo á escaseza, ao deterioro do seu sistema de saúde e ao illamento.

O bloqueo mata lentamente: impide a chegada de recursos vitais, encarece a reconstrución tras desastres naturais e limita o dereito fundamental á saúde.

CCOO clama con rotundidade: “basta xa!”, pola soberanía do pobo cubano. O pobo cubano ten un dereito inalienable a decidir o seu propio destino. Cuba ten pleno dereito a elixir o seu modelo social, económico e político sen tutelas externas, sen presións nin inxerencias imperialistas.

Rexeitamos calquera intento de potencias estranxeiras de impor a súa axenda a través de sancións, illamento ou desestabilización. A soberanía non é negociable. O pobo cubano, coa súa historia de resistencia e cos seus logros en educación, saúde e cultura, demostrou ao mundo que é capaz de construír o seu futuro con dignidade. Ninguén, desde fóra, ten dereito a ditar como debe vivir nin como debe organizarse.

Como participar?

Ata finais de xuño podes traer a túa doazón a calquera sede de CCOO. Todo conta: medicamentos, material sanitario, funxible hospitalario, produtos de parafarmacia, roupa de cama, dispositivos de mobilidade e axudas para a reconstrución de infraestruturas sanitarias.

Porque fronte ao bloqueo eliximos solidariedade.

Fronte á inxerencia eliximos soberanía.

Fronte ao castigo colectivo eliximos vida.

#CCOOConCuba #SolidariedadeQueSalva #CubaResiste #FinAoBloqueo #CubaNonEstáSoa